Salceda de Caselas foi o primeiro e O Porriño convértese no cuarto concello da provincia, logo de Marín e Sanxenxo, que procede á renovación do protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das vítimas de violencia de xénero, o primeiro trámite que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen permanecer dentro do Sistema Vioxén. 

O novo protocolo asinado polo concelleiro e alcalde accidental do Porriño, Pedro Pereira, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, en presenza da subdelegada do Goberno, Maica Larriba, recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade e adecúase ás referencias normativas actuais.

69 casos activos na Louriña

Antes da sinatura, Larriba informou de que os casos activos de vítimas de violencia de xénero baixo este sistema de vixilancia son 69 no partido xudicial do Porriño: 34 correspondentes a Mos, 11 a Salceda e 24 a Porriño. Esta última cifra supón case o 2,15 % dos casos activos na provincia de Pontevedra e o 34,78 % dos casos activos en todo o partido xudicial, que aglutina o 5,83 % das denuncias rexistradas na provincia no 2020. O 66,6 % das vítimas da localidade ten menos de 45 anos.