Fai uns días que se deu a coñecer o fallo do xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, que nesta terceira edición, á que se presentaron 67 candidaturas, concedeu o Premio galego de arquitectura 2020 á Escola infantil de A Veigadaña no Concello de Mos, un proxecto de Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós.

O xurado valorou o acertado do proxecto pola naturalidade coa que se insire no lugar e a capacidade de definir os seus límites físicos, nunha única operación formal, contundente, na que encontran acomodo tanto a complexa funcionalidade de todo o programa como os espazos baleiros que lle acompañan.

Unha moi ben estudada sección controla os aspectos ambientais e luminosos que tanta transcendencia teñen, sobre todo nesta tipoloxía edificatoria. Complétase cunha ben resolta relación entre espazos interiores e exteriores.

A precisión construtiva, coa que se manexan os materiais elixidos, está ao servizo duns espazos de sosegada ambientación, que completa a excelente calidade do conxunto, en lugar tan delicado como o bordo do Camiño de Santiago.