O informe anual da Fundación Contemporánea, unha das máis prestixiosas de España, seleccionou ao Festival de Cans como a cuarta “insignia cultural” de Galicia en 2020. É o resultado da recollida de opinións dun milleiro de expertos de prestixio no eido cultural en toda España, entre os que están representantes de fundacións, directores de grandes museos, produtores, promotores, xestores culturais e representantes de diferentes administracións. Estes expertos responden a un cuestionario, de onde sae esta valoración final.

Patrocinios

Por outro lado, o Festival de Cans, cuxa XVIII edición terá lugar entre o 1 e o 4 de Setembro de 2021, abre nestes días o proceso de busca de patrocinios para calquera entidade privada ou empresa que queira apoiar o certame.

Calquera empresa, entidade ou mesmo particular que queira colaborar patrocinando algún dos espazos ou algunha das actividades paralelas do festival, pode poñerse en contacto coa organización a través do enderezo de correo electrónico patrocina@festivaldecans.com ou ben por mensaxe privada en calquera das redes sociais.