O Concello de Salceda de Caselas leva anos ofrecendo actividades para as persoas enfermas de alzhéimer e outras demencias. Calcúlase que uns 200 veciños de Salceda padecen algunha enfermidade neurodexenerativa, polo que este tipo de programas resultan fundamentais na procura do seu máximo benestar, proporcionándolles as ferramentas e o apoio necesarios a través dunha atención individualizada.

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga) atende a persoas diagnosticadas de alzhéimer ou outras demencias, nun programa xestionado a través dos servizos sociais. Neste momento existen prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden dirixirse a este departamento para tramitar a súa solicitude.

Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga pon en valor “o compromiso do Concello de Salceda coas persoas con deterioración cognitiva e as súas familias coidadoras”, e destacou o desenvolvemento de programas de prevención para toda a veciñanza, “nun centro que será modelo de referencia en toda Galicia para a creación das unidades terapéuticas no rural”.

A concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, resaltou a importancia da atención aos colectivos máis vulnerables, como neste caso, con servizos que lle permitan manter unha maior autonomía persoal.

A alcaldesa Loli Castiñeira asegura que se trata “dun proxecto que xa iniciamos na lexislatura anterior e que chega nun momento chave. Enmárcase dentro do proceso de recuperación de edificios municipais para destinalos a diferentes usos, neste caso a un colectivo tan importante como é o das nosas persoas maiores, que coa situación de pandemia que temos actualmente precisan máis que nunca esa atención”.

Plan de recuperación

O Concello de Salceda realizou a primeira fase da recuperación do edificio dentro do Plan Concellos 2019, cun investimento de 61.058,77 euros, e a previsión é a de poder realizar a segunda fase no Plan Concellos deste ano, para poder facer uso tamén da segunda planta do edifico e poder deste xeito ampliar os servizos que ofrecerá Afaga.