Un posto específico na biblioteca cunha gran cantidade de referencias bibliográficas e audiovisuais, un photocall na entrada da casa do Concello e publicacións nas redes sociais de poemas musicalizados foron as tres iniciativas levadas a cabo para conmemorar esta xornada en Soutomaior.

Redondela encheuse de flores e libros a través da iniciativa ‘Agasalla un libro e unha flor’ impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística co fin de concentrar nesta actividade todas aquelas que non se puideron celebrar por mor da crise sanitaria da COVID-19. No caso concreto da vila dos viadutos fíxose cun dobre obxectivo “lémbrase unha data significativa, non só para as letras galegas, senón para a propia Galicia” e, doutra banda, “estase a axudar tamén ao comercio de proximidade nunhas datas tan complicadas para eles”.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil xunto coa Concellería de Cultura do Porriño coordinaron unha acción divulgativa nos centros de educación secundaria para que se escoite a poesía de Rosalía transformada en rap. “Rap con Rosalía” é o nome do proxecto desenvolvido esta semana en horario lectivo e nas que participa alumnado de 1º e 2º da ESO. Ofrecéronse catro obradoiros formativos de rap en galego nos que se traballaron diferentes recursos didácticos para aprender a escribir e interpretar rimas en galego e con temáticas de interese para a mocidade combinadas con diferentes textos e poesías da autora, adaptándoos a ritmos de 4x4 para poder “rapealos” colectivamente sobre unha base musical urbana.

Por outra banda, o equipo de goberno de Salceda non quixo faltar á súa cita. E realizou este mércores, 24 de febreiro, unha ofrenda floral no espazo dedicada á escritora, na rúa que leva o seu mesmo nome.

E, dende o Concello de Mos súmanse tamén á celebración do Día de Rosalía. “Exemplo e inspiración de tantas mulleres galegas, desde aquí rendémoslle hoxe homenaxe á figura de Rosalía de Castro: como artista, como escritora, como muller, como persoa, como galega excepcional... como orgullo dos e das galegos e galegas, e como orgullo dos e das mosenses. Exemplo de valentía e empoderamento feminino, exemplo de fortaleza... Viva Rosalía!”.