O Concello de Mos atópase inmerso na redacción dun proxecto de mellora da zona de San Rafael, na parroquia de Pereiras, na que se localiza a pista multideporte. Así o anunciaron a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Mocidade e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, que informaron de que orzamento para tal actuación podería superar os 120.000 euros. Nela inclúese a mellora do alumeado público con iluminación LED e a mellora da seguridade viaria mediante labores de asfaltado, así como zona verde axardinada, construción dunha nova pista deportiva e un Half Skate Park.

Deste xeito a parroquia de Pereiras pasaría a albergar a segunda pista de skate do municipio, xa que Mos conta desde 2015 cun Half Park na zona do multiusos das Pozas, na parroquia de Petelos.

Agora, vista a crecente demanda de lugares onde practicar este tipo de deportes cada vez máis populares entre a xente moza, e o aumento da práctica deportiva ao aire libre que ofrece unha maior seguridade de prevención fronte a COVID-19, desde a administración local decidiuse apostar polo novo Half en San Rafael e rematar canto antes o proxecto técnico para así optar a axudas supramunicipais que poidan apoiar a súa execución.