Con arroz, guisado, na súa tinta, con patacas, con ameixas, en empanada, en fabada e mesmo con grelos. Son múltiples as preparación do Choco de Redondela que ao longo do ano un pode degustar na casa ou nos diferentes establecementos hostaleiros que o ofrecen nas súas cartas. Seguro que somos moitos os que xa temos probado máis dunha vez este prato, sen embargo han ser poucos os que coñecen todo o proceso previo antes de que este chegue á mesa.

Precisamente para amosar ese labor, de máis de tres séculos de antigüidade na vila dos viadutos, así como a captura doutros peixes, moluscos e mariscos, foi co obxectivo co que naceu Amarturmar (Asociación Cultural de Mulleres e Homes do Mar de Cesantes).

O colectivo leva xa ano e medio poñendo en valor a cultura mariñeira, organizando visitas para que o cidadán de a pé coñeza e observe de primeira man todo o proceso de captura e incluso de poxa e venda na lonxa.

A ruta do choco limítase de febreiro a xuño, que é o momento de permiso de extracción empregando os trasmallos e as nasas; á cal ten continuidade logo nos meses de verán coa do xeito (sardiña). Pero hai outras das visitas que se ofrecen ao longo de todo o ano como é a do marisqueo a pé e a flote e tamén a do porto de Cesantes, na cal se explican os distintos tipos de embarcación e artes de pesca, así como as especies que se capturan. Ademais afondan no xeito de comercialización de cada produto, no funcionamento da lonxa e no papel dunha confraría de pescadores. Para máis información ou reservas poden contactar a través do enderezo electrónico info@turismomarinero.org ou chamando ao 621 020 775

E precisamente, pensando xa no 2021, Ano Xacobeo, dende Amarturmar poñen á venda tarxetas regalo, de cara sobre todo á campaña de Nadal, para obsequiar cunha das súas rutas, “algunhas delas moi novidosas, xunto con outras actividades que non deixarán de sorprender a ningún visitante”, explica Severino Casal, un dos impulsores de Amarturmar. E todo isto fano logo de presentar a súa candidatura e ser unha das cinco entidades seleccionada na III convocatoria do programa de aceleración de empresas do sector turístico de Pontevedra, á vez que tamén fan convenios de colaboración con distintos organismos públicos que apoian a iniciativa como sinerxías con outras entidades

Os impulsores de Amarturmar coñecéronse nun curso promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro para acreditarse como guías de turismo mariñeiro. Entón todos tiñan as mesmas inquedanzas e de aí xurdiu a idea de poñer en valor, promocionar e, á vez, recuperar a cultura do traballo profesional do sector pesqueiro e marisqueiro. Debido a alerta sanitaria da Covid-19, as visitas reducíronse considerablemente pero iso non foi motivo para desalentar aos socios de Amarturmar que seguen a traballar con máis ganas e ilusión neste proxecto

A asociación foi crecendo e a formación dos seus impulsores e actuais membros continúa, como tamén seguen as iniciativas nas que participan e se involucran. Así a finais de setembro asistiron á I Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo como entidade de turismo mariñeiro que colaborou no proxecto Mar das Illas, o cal días máis tarde organizou unha xornada de portas abertas á cidadanía no que amosaron o día a día dun mariscador, convertendo o traballo do mar nun atractivo turístico.

Amarturmar está a facer un gran labor a prol da diversificación do oficio dos profesionais dos distintos sectores pesqueiros da Confraría de Pescadores San Juan cara a outros ámbitos como o turismo ou o coidado do medio mariño. Nese obxectivo enmárcanse as próximas xornadas de Diversificación profesional e sensibilización social ante as oportunidades e vantaxes da recollida de lixo mariño na Enseada de San Simón.