O certame “Vilas en Flor” vén de emitir esta semana o fallo para outorgar as súas distincións aos concellos participantes na terceira edición que puxo en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos coas súas flores de honra para os 25 municipios galegos participantes neste ano, sete deles desta bisbarra.

Deste xeito, o xurado distinguiu aos concellos de Tomiño e Salvaterra de Miños con tres flores de honra; a Baiona, A Guarda, Gondomar e Salceda de Caselas con dúas flores e a Tui con unha.

O certame está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), coa participación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e o patrocinio de Husqvarna e Rainbird.

 O obxectivo principal desta iniciativa é a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación e representa a xeración dun selo de calidade e reclamo turístico.