O AECT Rio Minho presentou o proxecto piloto para que as Eurocidades do Miño (Tui-Valença, Cerveira-Tomiño e Salvaterra-Monçao) dispoñan dun servizo de préstamo de bicicletas eléctricas que permita á cidadanía cruzar libremente a un lado e outro da fronteira. Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, trátase dunha iniciativa de ‘bike sharing’ pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor.

Segundo explicou, este sistema de xestión compartida para bicicletas eléctricas centrarase nos seis núcleos urbanos de elevada mobilidade que son as tres eurocidades do Miño, e estará ligado á rede transfronteiriza de rutas, sendas e ecopistas do río Miño transfronteirizo.

O servizo ten un atractivo non soamente para a veciñanza galega e portuguesa, se non para as miles de persoas visitantes que percorren as vilas transfronteirizas e as sendas fluviais do Miño, moi transitadas xa a día de hoxe por bicicletas. Así, ademais da mobilidade sustentable outro dos obxectivos estratéxicos do AECT é a promoción do territorio do rio Minho transfronteirizo e a súa marca Rio Minho para atraer máis turismo.

Nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada un dos seis concellos das eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro e utilizar esta tanto para recados da veciñanza como para circuítos de lecer. Segundo sinalou o deputado, a vontade é que despois do proxecto piloto, que comezará na primavera, se amplíe a iniciativa tanto en número de vehículos como en concellos implicados.

Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida non disporán de ancoraxes físicas, senón que haberá espazos (a decidir polos concellos) nos que estarán situadas para a súa utilización, podendo despois deixalas noutros espazos simplemente cancelando a sesión de uso na APP, co que as bicicletas quedarían bloqueadas.