Aplicando a cestería intuitiva, unha técnica de tecido ao azar tamén chamada "técnica niño" xa que se inspira na natureza (en como os paxaros tecen os seus niños), é como veciños de Porriño aprenden a construír unha cabana de vimbio.

Trátase dun obradoiro a cargo de Julia de la Cal, organizado polo Concello, no cal están a participar nenos e maiores no centro cultural municipal. Todos achegan o seu gran de area, sen necesidade de contar con coñecementos previos en cestería, sendo capaces de tecer e entrelazar varas de vimbio para conseguir ao final do taller a cabana proxectada.

Programáronse catro quendas, considerando cada unha como un obradoiro independente e cun máximo de 10 persoas por quenda. A pasada fin de semana celebráronse as dúas primeiras e hoxe en horario de tarde e mañá pola mañá levaranse a cabo as outras dúas, para as cales xa están as inscricións pechadas.

Exposición

No mesmo espazo no que se celebran estes obradoiros, acolle tamén a exposición resultado da actividade realizada o pasado 13 de xullo "Tramas de vimbio, achega á cestería". Mostra que se pode visitar, no vestíbulo do centro cultural, ata o venres 30 de outubro.