Un roteiro pola Lanzada e unha escape room son as próximas actividades de lecer que o Concello de Soutomaior organiza para os seus veciños.

A primeira celebrase mañá domingo. Un autobús sairá ás 09.25 horas rumbo a Aula da Natureza do Monte Siradella na península do Grove. Os asistentes farán unha visita comentada aos miradoiros, cun pequeno percorrido, para logo facer unha visita guiada á exposicións e visionado dun vídeo. A mediodía dirixiranse á Lanzada, cunha andaina pola praia, na que se comentarán os restos de arribazón e a vida no intermareal rochoso, e formacións da vexetación dunar e as súas adaptacións; participarán nunha observación de aves acuáticas no istmo de O Bao e xa regreso con chegada prevista ás 15.00 horas a Arcade.

O xogo de escapismo está previsto para o vindeiro venres, día 23, ás 17.30 horas nas dependencias da biblioteca municipal. Trátase dunha actividade dirixida a rapaces de entre 8 e 14 anos, de balde e con límite de aforo.

Unha escape room é un xogo de aventura físico e mental que consiste en encerar a un grupo de xogadores nunha habitación ou sala, na cal deberán solucionar enigmas e quebracabezas de todo tipo para ir desenlazando unha historia e conseguir escapar antes de que finalice o tempo dispoñible, normalmente 60 minutos.