A promoción e dinamización dos negocios de hostalería, así como a revalorización da oferta gastronómica de Gondomar son os obxectivos cos que o Concello gondomarés organiza o 1º concurso de tostas de outono. Dende hoxe e ata o 29 de novembro un total de 13 establecementos do municipio ofrecen cadansúa tosta, todas elas diferentes co denominador común de que o ingrediente principal é un produto típico de outono, así ao longo das vindeiras semanas poderase degustar, polo prezo de 3 euros, tostas doces e salgadas de noces, castañas, cabazas, cogomelos, figos ou lacón, entre outros.

O concurso contempla premios, tanto para os usuarios comensais como para os locais participantes na iniciativa. Haberá unha tosta gañadora. O sabor e a creatividade serán os dous requisitos a valorar, serán os propios consumidores os que se convertan en xurado popular e puntúen do 1 ao 5 mediante unha única papeleta individual que deberá ser depositada nas furnas habilitadas para ocasión en cada un dos locais.

Os tres primeiros clasificados contarán cun diploma acreditativo e o máis votado recibirá unha Chaquetilla de Chef oficial serigrafiada co lema "I Concurso de tostas de Outono de Gondomar" e encabezará o cartel de promoción da seguinte edición. Tamén recompensarase a participación cidadá e entre as papeletas depositadas polos consumidores sortearanse tres vales en metálico, por valor de 200, 100 e 50 euros, en concepto de cea, comida e almorzo, respectivamente, a consumir nos tres establecementos que accedan ás mellores puntuacións.