O Concello de Cerdedo-Cotobade vai acoller un polígono agrario, cunha extensión de máis de 100 hectáreas, dedicado á produción de mazá de sidra que se enmarca no proxecto local para reactivar o medio rural e poñer en valor as terras agrarias e forestais do municipio e que se está a desenvolver coa colaboración doutras administracións, principalmente a Xunta de Galicia.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que asistiu a un encontro inicial sobre este proxecto na Estrada, explicou que "o executivo galego vai apoiar e desenvolver senllos polígonos para a produción de mazá de sidra na zona co obxectivo de convertela nun referente do sector tendo en conta a potencialidade da Estrada, que produce para fábricas galegas, conta con varios lagares e incluso ten unha consolidada Feira da Sidra Somos concellos veciños, con moi boa relación e ademais nós dispoñemos de moita superficie e moitas gañas de aproveitar todas as oportunidades que nos cheguen para crear riqueza e emprego. E ademais trátase dun proxecto vencellado ao mundo rural e ao agro, que son aspectos intrínsecos ao noso territorio, polo que creo que é unha gran opción dedicar terreos agora improdutivos para maceiras de sidra, que ben seguro que deixarán réditos laborais e económicos".