Un lugar de encontro e debate entre axentes profesionais e o público interesado na produción cultural, así foi presentado Culturminho, I Foro da Cultura do Río Minho Transfronteirizo organizado pola Deputación de Pontevedra.

Nesta ocasión, debido á pandemia da Covid-19, o Culturminho tivo formato dixital. Foron catro días de mesas de debate e conferencias telemáticas na que participaron persoas de colectivos e entidades que están a traballar en eventos xa recoñecidos polo público.

O obxectivo desta cita, organizada ao abeiro do programa Smart Minho financiado con fondos europeos do programa 'Interreg V-A POCTEP 2014-2020', foi reunir aos axentes culturais, asociacións, colectivos, concellos e entidades para crear novas iniciativas culturais transfronteirizas no territorio do Miño, á vez que reflexionar sobre as potencialidades da cultura común como elemento de valor transfronteirizo e desenvolver axendas e programacións culturais conxuntas seguindo a idea de consolidar o territorio do Rio Minho atraendo público moi diverso de ambas marxes, así como facer fincapé na nova situación social que condicionará o ocio e o consumo cultural tratando de visualizar alternativas.