O outono chegou ao Rosal cunha axenda cargada de actividades de lecer para todos os públicos. O Concello presenta case unha vintena de propostas moi diversas para outubro e novembro. Unha obra de teatro e un contacontos están programados para o que resta de mes. Hoxe, ás 20.00 horas, no auditorio municipal representarase, para público adulto, "Literaria" e o vindeiro venres Magín Blanco trae o espectáculo musical "O que levamos nas maletas", ás 11.00 horas na biblioteca. Tamén ata fin de mes poderase visitar a exposición 'Auga. O sangue da Terra' .

Para novembro está programado outra representación teatral, neste caso para público infantil, trátase de "Monstros no camiño", o domingo 8 ás 18.00 horas no auditorio e o sábado 14 celebraranse unhas xornadas micolóxicas no centro social polivalente grazas á colaboración da asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira.

I Xornadas do Patrimonio

A primeira edición das Xornadas do Patrimonio será o colofón final da programación cultural de outono. Será para grupos reducidos e con inscrición previa. Arrancarán o venres 23 de outubro cunha charla sobre arqueoastronomía a cargo de Benito Vila que se completará cunha saída para a observación de estrelas. Xa o venres 30, Alia Vázquez descubrirá ao público os petróglifos do Baixo Miño para despois facer unha ruta guiada a algún dos petróglifos do Rosal. A última charla será o 6 de novembro, na que Brais Currás falará sobre minería romana no Baixo Miño. E ao día seguinte haberá unha visita guiada ao Montefurado de Covas, en Vila Nova de Cerveira