Do 15 ao 21 de agosto Ponteareas acollerá o oitavo Festival Rogelio Groba. A pesar da crise sanitaria, a súa organización logrou que vaian actuar en Ponteareas brillantes músicos de distintos puntos do mundo. Para poder asistir aos concertos será preciso solicitar entrada previamente xa que o aforamento reducirase ao 50% do auditorio municipal, dando asento a preto de 200 espectadores.

Nesta edición do festival tamén haberá estreas absolutas do prolífico ponteareán Mestre Rogelio Groba.

O Festival Groba terá como convidado especial, que será o encargado do concerto final, o trompetista Esteban Batallán solista da Sinfónica de Chicago que ofrecerá a estrea absoluta do concerto para trompeta e orquestra Concertino Rococó do Mestre Groba.

Totalmente de balde, ponteareáns e visitantes poderán gozar das grandes figuras da música clásica como a viola coreana Kyoungmin Park, o pianista Federico Colli, o violín de Josef Spacek e Damián Hernández, pianista. Tamén da voz da soprano Laura del Rio que estreará dúas obras do mestre Groba e do piano de Elisa D´LAuria, así como do violinista Pablo Vidal ou do clarinete de Spyros Fakiolas, así o relatou na súa intervención o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba; e Alba Reirís, a cellista ponteareá recuperará os microconcertos do mestre Groba.

A chelista Anastasia Kobekino ofrecerá outra das novidades tocando no convento de Canedo as seis suites de Bach o domingo 18.

A Orquestra de Cámara Galega actuará o sábado na sesión de apertura, o xoves e os concertos de cámara dos solitas serán o luns, o martes e o mércores.

As reservas de entrada para asistir son indispensables e faranse no número de teléfono 618 705 639 ou no enderezo electrónico departamentocultura@ponteareas.gal, así o aclara o concelleiro de Cultura. Fernando Groba, quen tamén pide a colaboración da cidadanía no cumprimento estricto das normas especialmente nas entradas e saídas do auditorio.

Baixo estrictas normas de seguridade sanitaria e distanciamento social, o festival está organizado co apoio da Fundación Groba, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. O Festival Groba ten como obxectivo divulgar a música clásica e facela chegar a cada recuncho e persoa que neses días visite Ponteareas.