O Concello de Nigrán mantén neste xullo de 2020 as súas sinais de identidade: a aposta pola música en directo a través do seu festival máis antigo, Nigranjazz, do 22 ao 25; e o máis recente, Vive Nigrán, o 17 e 18 de xullo. Co fin de adaptarse ás medidas de prevención sanitaria, Nigranjazz multiplica a súa duración e o número de escenarios para poder chegar a todos os interesados, sumándose Patos e Panxón ao clásico auditorio ao aire libre da Foz. Novamente, as food-trucks de Rilla na rúa coincidirán con este festival, instalándose do xoves 23 ao domingo 25 na Alameda da Ramallosa). Pola súa banda, Vive Nigrán trasládase ao espazo deportivo de Dunas de Gaifar, onde terá un aforo máis limitado e prescindirá de moitas actividades paralelas.

"Loxicamente este é un verán diferente, pero non por iso deixamos de programar eventos, o que sucede é que estes deberán estar adaptados ao protocolos sanitarios en vigor e suxeitos a calquera posible modificación ao respecto", destaca o alcalde Juan González, quen incide en que o espazo deportivo de Dunas de Gaifar, grazas á eliminación das pistas de pádel, servirá para máis actividades e concertos ao longo do verán. "É un sitio idóneo, ao pé da praia e onde resulta fácil controlar o aforo", incide. Así, o cantante e ex-futbolista Gustavo Almeida ofrecerá un concerto alí o día 11 e na xornada anterior, terá lugar a primeira edición de 'SonaGaifar' con diferentes dj`s de renome da provincia. Finalmente, o Pazo de Cea dentro da súa programación TerraCea2020 ofrece o concerto de Alejo Stivel e Los Limones o 17 e Love of Lesbian o 31 de xullo.

O punto final musical do mes porao Patricia Kraus "Pioneras", que ofrecerá un concerto o día 31 no que rende homenaxe ás grandes damas do jazz; será no exterior do CPI Arquitecto Palacios, aos pés do Templo Votivo de Panxón.

Xunto cos roteiros guiados pola rede de sendeiros municipal, outras das novidades deste ano será o espectáculo de maxia do mago Rei Midas, baseado no que puideron gozar todos os nenos que estiveron de aniversario durante o confinamento xa que o Concello os agasallou cunha videochamada del. Será hoxe mesmo, ás 21.00 horas, no esteiro do Miñor, e o venres 31, na Praza do Concello ás 20.00 horas, estará xunto a maga Valeria Varitas.

Tamén dirixido aos máis pequenos da casa, o xoves 30, no mesmo lugar e á mesma hora, actuará o Paiaso Popín e terá lugar a representación de 'O estrano caso do dentista da rúa Brasov'.

E se os nenos son protagonistas na programación de Nigrán, tamén o serán os maiores coa primeira celebración do Día do Avó o domingo 26 de xullo en Camos cun xantar campestre e diversas actividades.

Novamente, o Concello de Nigrán aposta polo grupo local Teatro do Ar, que estreará a súa obra 'Días felices' mañá ás 21.00 horas, ofrecendo ademais o domingo 19 á mesma hora unha obra para nenos no espazo deportivo Dunas de Gaifar. Neste mesmo lugar os comerciantes de Nigrán celebrarán sendos 'Beachmarkets' o 19 e 26 de xullo. Paralelamente, o Concello mantén o mercadillo multicultural en Praia América do 3 de xullo ao 13 de setembro e o xa clásico de antigüidades o día 25 no Paseo de Panxón.

En canto ás actividades deportivas, o Concello mantenas pero cambia de escenarios co fin de non reducir o espazo para bañistas e de evitar concentracións de xente. Así, por vez primeira a Alameda da Ramallosa estréase para realizar zumba todos os días da semana e o espazo deportivo de Dunas de Gaifar para zumba, pilates e ioga de luns a venres. Finalmente, o 'Xoga na Praia' abandona Patos e trasládase á cancha de volei-ball de Praia América, onde se desenvolverán actividades martes e xoves de 17.00 a 19.00 horas.