A programación de actividades xuvenís para este verán é un dos pasos adiante que deu o Concello de Soutomaior para recuperar esta nova normalidade. A proposta é variada incluíndose dende oferta formativa con diversos cursos ata actividades saudables, de lecer, experimentación e danza, parte delas en liña e outras presenciais, nalgúns casos combinando as dúas modalidades, e baixo un estrito protocolo de seguridade que inclúe desinfeccións completas antes de cada actividade tendo que seguir todas as indicacións sanitarias, como a obrigatoriedade de levar máscara de protección.

Así as actividades propostas son

Sintoniza coa túa melodía profesional. Para descubrir a través dunha experiencia de xogo as habilidades e todas as oportunidades que se poden atopar no actual mundo laboral.

Novas profesións dixitais, formación continua na rede. Ferramentas dixitais e comunicativas demandadas polo mercado laboral e ás que se pode acceder gratuitamente para trazar itinerarios profesionais e mellorar a empregabilidade.

Como crear un podcast. Creación de publicacións dixitais periódicas en serie, en audio ou en vídeo co fin de difundir contidos a través de internet.

Obradoiro Hebecon. Cóctel perfecto de creatividade e innovación, un achegamento á robótica dun xeito divertido, construíndo un "heboi", robot de baixa tecnoloxía a partir de material de refugallo e co movemento DIY por bandeira

Iniciación ao clown. Impartido pola actriz María Bañobre que xogará a improvisar e aprender, rir e facer cousas moi ridículas.

An english summer! Conversas en inglés mediante xogos, role play, traballo en parellas e en grupo.

Danzas urbanas. Impartidas por mozos expertos nas modalidades de break dance, popping e hip hop

Ponte en forma. Aprender pasos básicos de baile e realizar exercicio aeróbico para manterse en forma.

Ciencia divertida. Creatividade e experimentación a través da exploración e da manipulación.

Explorando a natureza. Actividade de exploración do entorno con pistas para desenvolver unha xincana interpretativa e coñecer a biodiversidade do río e a cultura local.