A Vía Mariana é un camiño de peregrinación desde Braga (Portugal) até Muxía (Galicia) cun percorrido de 383 quilómetros divididos en 18 etapas. No seu primeiro ano de vida entregáronse 500 credenciais da Vía Mariana a camiñantes galegos, portugueses e de numerosos países do mundo atraídos pola súa espectacularidade.

Para analizar o avanzado xa e planificar os pasos a dar, A Cañiza acolleu un acto histórico organizado polo Concello en colaboración coa Asociación Vía Mariana.

Máis de 24 institucións citáronse no salón de plenos cañicense para analizar e debater sobre as accións conxuntas e as follas de ruta a seguir polos máis de 70 promotores que forman parte desta ruta: institucións públicas e privadas, asociacións, comunidades de montes e particulares.

Esta vía de peregrinación composta por 18 etapas, que comeza en Braga e remata en Muxía, é un proxecto realmente especial pola súa vinculación persoal con Portugal, "país irmán", segundo o denominou o alcalde cañicense, Luis Piña, que inaugurou o encontro en calidade de alcalde anfitrión. "Para desfrutar deste camiño basta con ter sensibilidade, basta con querer facer un camiño, con querer acompañar a algúns amigos, coñecer lugares marabillosos ou simplemente coñecerse a un mesmo" apuntou Piña.

A Vía Mariana ten o seu Quilómetro 0 en Braga, en Portugal, no Santuario do Sameiro, atravesa 5 cámaras portuguesas e entra en Galicia por Arbo ata chegar a Muxía, recuperando do esquecemento estradas incribles para xuntar santuarios.

Goaes, Soajo, A Peneda, Melgaço, así ata chegar ao Santuario da Franqueira, en A Cañiza. A Vía continúa por Santiago de Covelo, Santa María de Estacas, Santa María de Augasantas, Santa María de Sacos, Os Milagres de Amil, Valga, Iria Flavia, Santiago de Compostela, Negreira, Baiñas e Muxía, onde conclúe.

Fin do deserto verde

Esta Vía cun percorrido de 382 quilómetros ten como principal obxectivo "crear sinerxías para favorecer as zonas rurais máis deprimidas coñecidas como deserto verde, fixar poboación, mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e ponderar a nosa riqueza paisaxística e patrimonial. Esta vía está concibida como un punto de encontro espiritual", definiuna na súa intervención o rexedor cañicense.

A presidenta da Asociación Vía Mariana, María José Silva, agradeceu de xeito especial o traballo desenvolvido en Portugal, impulsado polo Sr. Cónego da Archidiócese de Braga, Don José Paulo Abreu ao brindar a súa hospitalidade para a presentación da Vía no Santuario do Sameiro, Km. 0 da ruta.

Silva Sinalou que en menos dun ano a Vía xa conta con 500 credenciais na rúa e 5 páxinas de Facebook en 5 países en mans de socios colaboradores: Portugal, España, Alemaña, Hungría e República Checa.

A presidenta salientou que esta Vía é un proxecto altruista e ambicioso feito coa suma de talentos e vontades con moitos obxectivos á vista pero, principalmente, para atraer investimentos e desenvolvemento na economía local.

O Canónigo da Archidiócese de Braga, José Paulo Abreu, tamén destacou na súas declaracións o aspecto espiritual da ruta como unha oportunidade de converter este camiñar nunha ferramenta para coñecerse a un mesmo e aos demais.

Os alcaldes e presidentes das 29 cámaras e concellos polos que discurre a ruta que acudiron á Cañiza, manifestaron, en 4 quendas de intervencións, o gran potencial que supón a Vía para frear o despoboamento do rural e para dinamizar e promover accións económicas revitalizadoras.

Os autores intelectuais da Ruta, José de la Riera e Luis Martínez "do Freixo" explicaron as singularidades do trazado, empezando pola súa xéneses e o seu potencial para captar turismo de natureza. José de la Riera expuxo as razóns que deron pe á creación desta ruta e o potencial que marca a diferencia con outros camiños de peregrinación. Para estes expertos non cabe dúbida de que a Vía Mariana ten unha proxección de futuro firme.

Apoio institucional

A deputada provincial, Raquel Giráldez, manifestou no acto a súa admiración pola vontade e capacidade de traballo de todos os promotores asistentes e comprometeuse, dende a Deputación, a sumarse a este proxecto.

Ao rematar o Concello da Cañiza deu a oportunidade aos representantes das 24 institucións de degustar a nosa gastronomía. A coñecer a nosa potencialidade gastronómica saboreando o noso xamón, o cocido, os nosos viños e a tetilla dos queixos artesanais elaborados na Cañiza acompañada da mel dos nosos apicultores.