O goberno local de Gondomar segue traballando na conversión do municipio nun lugar sostible e verde. Nese senso a implicación dos veciños é fundamental e dende a concellería de Medio Ambiente promóvese a reciclaxe cunha nova entrega de composteiros individuais. Nesta ocasión foi unha vintena que se suma a outros 20 que xa se entregaron a mediados de febreiro.

Os solicitantes dos composteiros, como nas anteriores ocasións, recibiron información e resolveron as posibles dúbidas sobre o proceso de compostaxe nunha charla que facilitaron os técnicos do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, sumando xa preto de 200 os xa repartidos tralas pertinentes solicitudes por parte dos interesados.

Ademais no Concello de Gondomar funcionan neste momento dous composteiros colectivos. O segundo deles foi inaugurado a principios de ano no Parque das Ánimas, que se suma ao que xa estaba en marcha nas inmediacións do supermercado Froiz, que dende os seus inicios xa xerou máis de 31 toneladas de compost.