Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

A promoción turística, xuntos moito mellor

A festa está considerada de Interese Turístico Internacional dende 2015

A promoción turística, xuntos moito mellor

A promoción turística, xuntos moito mellor

Porque "xuntos somos máis fortes". Ese foi o motivo principal polo que os Concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Oia, Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño, Tui e Soutomaior deseñaron o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, unha plataforma dende a que promocionar de maneira conxunta o territorio "desenvolvendo produtos turísticos de calidade baseados nos nosos recursos, identidade e tradición". A presentación do seu primeiro produto turístico "Bienvenidos al Primer Reino Medieval de Europa", tivo lugar fai unhas semanas na Feira Internacional de Turismo de Madrid e, a semana pasada, elixiron Tui para mostrar a súa folla de ruta de cara aos próximos cinco anos, nos que desenvolverán nove accións.

A primeira actuación prevista consiste en crear un portal web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. En consonancia con esta, está a apertura dun perfil oficial nas redes socias, con especial incidencia en Instagram e Youtube; así como a creación dun banco de imaxes con estampas dos catorce Concellos.

Porase en marcha unha ruta turística que una determinados puntos do territorio vinculados ao ciclo da vida da pedra, e un ciclo de andainas culturais a celebrar entre xullo e outubro, de non máis de 5 ou 6 quilómetros e de dificultade baixa para todos os públicos que xirará arredor dun recurso patrimonial ou natural, un monumento histórico ou un persoeiro senlleiro.

Tamén se promoverá un concurso de curtametraxes de temática turística que aspirará a ser a primeira edición dun certame con continuidade, aproveitando o talento local para promocionar o Xeodestino mediante vídeos guionizados que trasladen historias e experiencias no territorio. Dentro das iniciativas culturais, tamén se celebrará, en setembro ou outubro un concerto nun emprazamento relacionado co ciclo de vida da pedra, como as canteiras de Porriño, a contorna dun Ben de Interese Cultural ou espazos naturais situados preto dos xacementos.

Entre outras accións, tamén se deseñará un novo folleto de carácter histórico con información sobre recursos patrimoniais senlleiros dos catorce Concellos para distribuír polas oficinas de turismo do territorio e novas tiradas de postais sonoras, coa imaxe doutros municipios e con pistas de audio que teñan relación en cada un dos casos con esa localidade. Neste senso cabe salientar que a primeira postal sonora xa está na rúa e ten a cidade de Tui coma protagonista. Por iso, loce unha imaxe aérea do seu Conxunto Histórico e pon sintonía a unha composición de Fray Rosendo Salvado, interpretada pola pianista tudense Andrea González.

Accións, todas elas, encamiñadas a potenciar o turismo nun territorio que conta con 17,75% das prazas de aloxamento da provincia; que rexistrou un incremento interanual de pernoitas en hoteis dun 11,2%, e no que o turismo estranxeiro medrou case un 36% en 2019. Ademais de punto de paso do Camiño Portugués a Santiago, con máis de 95.000 peregrinos nas dúas rutas posibles o ano pasado e con un de cada dez Ben de Interese Cultural (BIC) que se atopan en Galicia.

Tracking Pixel Contents