Mulleres de Nigrán labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices... En definitiva, mulleres comúns e valorosas ás que a ONU dedica cada 8 de marzo e ás que o Concello de Nigrán consagra a exposición "Mulleres de Nigrán-1970". Unha mostra propia froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano centos de imaxes antigas de mulleres co obxectivo de renderlles unha homenaxe pública. "Recibimos centos de tesouros que temos dixitalizados pero para esta exposición, por motivos de espazo, foi preciso realizar unha selección de 150 na que atendemos a criterios de antigüidade, calidade da imaxe recibida, valor documental da mesma...", explica María Villar, responsable da organización da mesma xunto con Olalla Fernández no deseño gráfico e o Centro Ocupacional Juan María no enmarcado.

"Son imaxes espectaculares, que de seguro van sorprender e emocionar á maioría dos asistentes porque significan unha viaxe a nosa historia máis recente e invisible da man de mulleres fundamentais nas vidas de todos nós e, por suposto, do municipio", resume o alcalde, Juan González.