Apoiar o tratamento de trastornos mentais e problemas emocionais e promover a saúde mental son os obxectivos da biblioterapia, unha nova iniciativa posta en marcha en Porriño consistente no uso da lectura cun obxectivo terapéutico ou de desenvolvemento. Así, a biblioteca municipal creou unha nova sección bibliográfica formada por 142 recomendacións: libros de autoaxuda, psicoeducación, novelas e obras de non ficción. "Una lista coidadosamente seleccionada de libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes", sinalan os bibliotecarios Albino Alonso e David Pérez. Unha selección que ata o momento estaba dispoñible so nas bibliotecas dos principais hospitais de Galicia e nas bibliotecas públicas da Xunta de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo) e que agora tamén se poden encontrar en Porriño. A biblioteca porriñesa entra así a formar parte do proxecto "Biblioterapia" promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas.

Esta nova sección de biblioterapia está xa dispoñible e os libros, reunidos nun estante específico, poden retirarse presentando o carné de usuario da biblioteca. Ademais, na páxina web de Bibliosaúde do Sergas ofrécese máis información e fichas coas referencias dos libros, breves resumos e contidos enriquecidos sobre os mesmos.

A través do proxecto Bibliosaúde maniféstase o compromiso social de traballar no ámbito da saúde promovendo o benestar para persoas de todas as idades e responde ao obxectivo número 3 da "Axenda 2030 para el Desenvolvemento Sostible" auspiciada pola ONU, que propón aos centros bibliotecarios apoiar no acceso público a información sobre saúde e benestar.

Para levar a cabo este compromiso, ademais da creación desta nova sección, a biblioteca porriñesa organizou un ciclo de conferencias divulgativas sobre saúde e desenvolve unha campaña de promoción da saúde en internet

O ciclo de conferencias comezou en xaneiro da man da óptica-optometrista Lucila To García-Miranda que falou de como favorecer o desenvolvemento visual ao inicio e durante toda la vida. O encontro, con entrada libre e gratuíta, tivo como obxectivo compartir a importancia da información social para unha óptima estimulación visual, incidindo especialmente no seu aspecto infantil, e con iso concienciar sobre a prevención e o coñecemento dende a casa. A relatora respondeu así a preguntas como que se pode facer dende a casa?, que se pode facer dende a gardería?, que poden facer os profesionais, nais e pais?, que estímulos debemos favorecer? e que estímulos debemos evitar?

Campaña en internet

Por outra parte, ao longo de todo o ano, a biblioteca está a levar a cabo unha campaña de promoción da saúde a través das súa páxina web e redes sociais, arredor do hagstag #bibliosaude. Esta campaña concrétase nunha serie de publicacións periódicas e accións entre as que destacan a promoción da lectura como actividade terapéutica, e dos beneficios da lectura na saúde e benestar, aportando datos avaliados pola ciencia; realización dun mapa municipal de farmacias en Google Maps, con localizacións e datos de contacto, e información semanal das farmacias de garda e promoción da doazón de sangue, e información sobre os días e horas da presenza das unidades móbiles de doazón no Porriño.