Grande éxito de participación no curso de elaboración artesanal de ungüentos que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural celebrou este mes no Rosal ao abeiro da terceira edición do programa 'Coas mans na masa'. Durante dous días as persoas participantes aprenderon a realizar cremas, pinturas, xabóns e aceites con recursos naturais que se atopan na contorna da man de Amparo Grandío, enxeñeira técnica agrícola e licenciada en tecnoloxía da alimentación con máis de vinte anos de experiencia.

Este curso, celebrado no barrio das Eiras, ten un dobre obxectivo: por un lado, animar ao uso particular dos produtos elaborados e, por outro, formar ás persoas participantes na transformación de materia prima agraria en produtos de calidade con valor engadido no mercado para a súa posible comercialización posterior.

Coas mans na masa

"Coas mans na masa" nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

Tralo éxito acadado en 2018 e 2019, a Escola Eu Rural puxo en marcha este ano a terceira edición do programa "Coas mans na masa", a través da cal se puxeron en marcha dous cursos, un de elaboración artesanal de ungüentos naturais e outro de elaboración artesanal de conservas, que foron programados nos concellos da Guarda, Tui, Baiona, O Rosal, Mos e Gondomar.