Máis de 500 árbores autóctonas novas en distintos puntos de Ponteareas plantadas por outros tantos estudantes do municipio. Trátase dunha ininiciativa na que están implicados os centros educativos de Primaria.

O alumnado asumiu a plantación de distintas variedades de árbores autóctonas e, deste xeito, esta iniciativa na que se involucra a concellería de Medio Ambiente e a concellería de Ensino de Ponteareas, serve para concienciar aos máis novos da importancia do medio natural para o benestar das persoas, á vez que se achega á cativada coñecementos sobre as nosas especies arbóreas.

Trátase dunha plantación planificada atendendo ás necesidades, características e hábitat propio de cada espazo, "plántanse especies autóctonas axeitadas a cada zona, en Guláns e en Santiago de Oliveira carballos e nogueiras e no Regato da Venda recuperarase a vexetación propia da beira do regato con freixos e ameneiros e na zona da explanada, máis preto do complexo deportivo, pradairos e bidueiros que aportarán unha ampla sombra na que descansar" explicou a concelleira de Medio Ambiente ponteareá.

O alumnado do CEIP de Santiago de Oliveira plantou na contorna do seu colexio 50 árbores, e o CEIP Feliciano Barrera outras 50, no monte de San Cibrán, en estreita colaboración coa comunidade de montes en man común e coa empresa Laureano Covelo que doou estas cen árbores.

O alumnado dos colexios CEIP Mestre Ramiro Sabell, CEIP Fermín Bouza Brey, o CPRs Santiago Apóstol e La Inmaculada encargáronse da plantación de 359 árbores, doadas polas empresas ponteareás Aluarmo e Darlim, en distintas zonas.

Covelo e Fernández salientan a colaboración das comunidades de montes en man común e da comunidade educativa e agradecen o apoio e colaboración das empresas locais Aluarmo, Darlim e Laureano Covelo que, xunto á Comunidade de Montes de San Cibrán, doaron as árbores plantadas permitindo impliar a persoas de diferentes idades e sectores da poboación para unha mesma meta.