"É a miña mente hiperactiva a que non me deixa estar quieta".

Susana Lamela (Ponteareas, 1975) é mestra e escritora na localidade de Ponteareas. Chega á entrevista cun soriso cohibido que advirte con un "son algo tímida para estas cousas", pero a medida que avanza o tempo e partilla os proxectos que crea cos seus alumnos e alumnas, xa é coma se falase cunha compañeira.

A súa historia como mestra comeza coa diplomatura que realiza en Santiago de Compostela, á que lle seguiría a licenciatura en Psicopedagoxía "da que aprendín moitisimo, xa que a os estudos de maxisterio, nese momento, deixaban moitos aspectos sen profundizar".

Pero o destino tiña outro comezo laboral para Susana e, tras varios anos facendo algún que outro traballo para esta empresa, asignáronlle o posto de Directora de Edicións Tambre, sucursal galega da Editorial Edelvives, onde estaría 9 anos de responsable dos libros de texto que se publicaban.

"Sentía que os libros de texto encasillaban moito a maneira de ensinar aos alumnos, e a miña inquietude fíxome plantexarme outra saída para poder formar doutro xeito". E no ano do 2007 comeza a súa andaina, agora si, como mestra de alumnos de primaria.

Os dous aspectos que marcan o ensino de Susana son "os dispositivos móbiles e os traballos por proxectos". Estes últimos resultan "moi gratificantes", sinala Susana. "Hai tempo fixeramos cun grupo de primeiro de primaria un proxecto no que coidamos duns ovos de galiña e os incubamos cunha máquina para seguir as fases do embrión e como evolucionaba ata que naceran os pitiños. A acollida foi tal na escola que ata o conserxe nos fixo unha gaiola para os pitiños e os nenos doutros cursos quixeron aprender sobre o tema", explica Susana. "É bonito ver como nenos e nenas de primeiro de primaria explican dunha maneira tan confiada a vida dun pitiño a rapaces de 5º ou 6º 'como imos explicarlle nós aos maiores estas cousas, se eles saben máis ca nós' sorprendíanse, e eu facíalles entender que, neste caso, eles sabían máis que os de 6º", o cal lles daba unha gran confianza e por iso presentamos o proxecto na Feira da Ciencia".

Pero o ampliar as mentes dos cativos nas aulas non é a única faceta desta ponteareá. Susana conta con catro libros publicados. "Soños de andel", e a súa continuación, "Andeis baleiros", onde relata a historia de superación dun libro que, polo seu gran tamaño, a xente non quería levar da biblioteca porque pesaba moito e, tras se adoptado por unha nena, vive unha gran aventura na que se involucran ratos que se comunican con xeroglíficos exipcios.

Estes dous primeiros levan a Susana a realizar "Do dereito e do revés" onde a colaboración dos estudantes da Escola de Arte e a colaboración do Concello, fan deste exemplar un libro 100% ponteareán. "Desta experiencia comprendín que a autoedición era moito máis factible que a búsqueda dunha editorial que publicase as túas historias, polo cal surxiu o seguinte proxecto: Invisible, con maleta verde e zapatos vermellos". Este libro autoeditado, do cal xa leva máis de 400 exemplares vendidos, está pensado para un público adulto e conta a historia, basada en feitos reais, dunha antigua compañeira de traballo de Susana, ambientada nun internado nos anos 60.

Actualmente esta mestra de alumnado de 5º e 6º de primaria xa ten o seu próximo libro na cabeza "o pouco tempo que teño para escribir fai que teña que ir montandoo todo na cabeza para así, no verán, poder ir escribindoo do tirón". E de onde saca o tempo? "Teño a sorte de ter dous homes na casa que realizan as tarefas de casa e as cousas do día a día".

Mestra, escritora e nai, ela é Susana Lamela.