En só tres minutos esgotáronse as prazas para participar mañá nunha ruta ornitolóxica polos concellos de A Guarda, Nigrán e Baiona. Será a terceira de cinco rutas guiadas organizadas pola Deputación de Pontevedra no programa "Voando nas Rías Baixas", en colaboración con SEO-Birdlife. A ruta polo esteiro do río Miño e Foz de Ramallosa, por espazos protexidos pola Rede Natura 2000, poderán desfrutala os primeiros 25 inscritos.

Os escenarios principais serán desembocadura do Miño e a foz da Ramallosa. Dous importantes enclaves situados no sur da provincia que forman esteiros intermareais que contan cunha grande variedade de hábitats e acollen tanto aves acuáticas como aves mariñas, aves rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras.

Entre os exemplares que poderán ser avistados atópanse as limícolas coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías, variedade de gaivotas, diferentes especies de parrulos, garzas, rálidos, mergullóns, ademais de aves mariñas coma os carráns cristados. Ademais, tamén se ven aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, da que é posible observar a súa espectacular forma de pescar.

A ruta contará con guías especialistas de SEO-Birdlife e con material óptico e didáctico. Partirá do Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, ás 9:00 horas, ou do aparcamento do Parque do Paseo da Ramallosa de Nigrán, as 10.00 horas.

O programa "Voando nas Rías Baixas" continuará cunha cuarta excursión o 31 de maio polas Brañas de Xestoso. O prazo de inscrición para o cuarto roteiro estará aberto dende o 18 ao 27 de maio. Posteriormente, o programa rematará cunha última ruta pola Serra do Suído.

"Voando nas Rías Baixas", que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra.