Unha ferramenta innovadora para axudar ás persoas con mobilidade reducida ou deficiencia visual a descubrir os lugares de interese a ámbolos dous lados da raia é o que veñen de presentar os concellos de Vilanova da Cerveira e Tomiño.

A aplicación informática "Turismo Acesível" foi unha proposta da Escola Superior Gallaecia (ESG), ACAPO (Associação dos Cegos e Amblíopes de Portugal) e a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, que resultou gañadora na edición 2018 do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) cunha inversión de 10.000 euros, que cartografa a accesibilidade dos recursos turísticos da Eurocidade Cerveira-Tomiño para facilitar tanto as visitas de persoas con mobilidade condicionada, como as actuacións inclusivas de sociedade e institucións.

A descarga da app xa está dispoñible para Android e espérase que pronto o estea para o sistema IOS. En galego e en portugués, nela preséntase unha lista descritiva e visual dos puntos turísticos máis relevantes de ambos concellos, dende espazos ao aire libre, a monumentos, arte, arquitectura y museos, debidamente acompañados por una explicación do seu grao de accesibilidade.

No acto de presentación, celebrado o pasado martes no Fórum Cultural de Cerveira, Teresa Correia da ESG explicou que esta nova app, en constante actualización, xunta "unha vertente interactiva e bidireccional, que permite aos usuarios suxerir cambios". Catarina Carvalho da ACAPO remarcou que "colocar fotografías sen unha descrición pormenorizada non era de todo un método accesible ou inclusivo, tiña que ser unha aplicación con moita información, por para quen ve pode considerar que é demasiada, pero é necesaria para quen ten deficiencia visual". Miguel Pazo, de Vontade destacou "a maior concienciación coa que traballan hoxe os concellos no que respecta a adaptación de espazos públicos para todos os cidadáns".

Guía do sector turístico

O turismo de Cerveira-Tomiño é unha actividade económica cun gran potencial empresarial e laboral. As tendencias turísticas actuais demandan novos contidos e experiencias que requiren o fomento dun uso sostible deste territorio ribeirán en función dos seus recursos endóxenos.

Na mesma xornada de "Ferramentas de apoio ao turismo transfronteirizo", a Eurocidade Cerveira-Tomiño presentou unha guía para promover o turismo local e dinamizar o seu potencial económico, recollendo os principais recursos naturais, culturais e patrimoniais de ambos municipios de cara ao desenvolvemento sustentable dun territorio común.

Foi froito de meses de traballo conxunto, cunha metodoloxía participativa que propiciou que, por primeira vez, moitos axentes turísticos se coñecesen e se sentasen na mesma mesa para converxer ideas e perspectivas en torno a elementos relevantes e confluentes do turismo neste territorio, con especial atención no sector industrial do lado de Vila Nova de Cerveira e o sector agrario, incidindo na produción de plantas ornamentais, en Tomiño.