Mañá conmemórase a loita da muller pola súa participación, en pe de igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. Dende 1975, cada 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, pero a primeira conmemoración realizouse o 19 de marzo de 1911 en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza. Hoxe case que todos os países do mundo festexan esta xornada e nos concellos das nosas comarcas tamén se organizan múltiples actividades e actos con tal motivo.

Aos 96 anos, camiño dos 97, que cumprirá o vindeiro 6 de maio, Carmen Martínez Sobral será a protagonista en Soutomaior. Foino xa o pasado outubro cando, co gallo do Día Internacional da Muller Rural, dende o Concello encargaron ao artista Yoseba MP (Joseba Muruzábal) pintar un mural na vila de Arcade para poñer en valor a figura das mulleres nun dos oficios máis tradicionais e de maior importancia para a economía local: o marisqueo. O pasado día de Reis este pintor de Cambre rematou a súa obra "Carmen a Zoca, a muller bivalvo", a última da súa serie "Fenómenas do rural", dende entón calquera que visite ou vaia de paso a esta vila mariñeira pode contemplar o seu retrato nun gran mural de máis de 100 metros cadrados, que ocupa a medianeira dun edificio situado a pé da Nacional 550, na entrada do pobo, en dirección Vigo, vindo de Pontevedra. E mañá, esta "superavoa" será homenaxeada, unha vez máis, no seu pobo natal nun acto público, ás 12.00 horas no multiusos, e no que todos os asistentes poderán ver a entrevista que Muruzábal lle fixo a Carmen antes de retratala no seu mural. Proxectarase o documental "Fenómenas do rural" e haberá un posterior coloquio co artista.

"Carmen a Zoca, a muller bivalvo" é o último, de máis dunha ducia de murais pintados por Yoseba MP que se iniciaron en Ordes, no ano 2016, "logo de que os organizadores do festival DesOrdes Creativas, tras ver os meus cadros, me fixeran o encargo de facelo ao grande, ocupando a fachada dun edificio". E así creou "A greleira de 50 pes", que encarna a Lola, de 91 anos, que posou para Muruzábal vendendo grelos. O artista explica que a raíz desta experiencia "pintei catro ou cinco máis noutros festivais de arte urbana e comezáronme a chamar de concellos". A súa metodoloxía de traballo é sempre a mesma, el busca a protagonista, entrevístaa e realízalle a fotografía pola que se guiará para pintar o mural. No caso de Soutomaior, no Concello remitírono á confraría onde elixiron por aclamación veciñal a Carmen para encarnar esta homenaxe.

Pouco máis dunha semana, durante o pasado Nadal, foi o que tardou en crear o mural. "Un par de días para acondicionar a parede e sete para pintar". Neste, como no resto, queda manifesto "o xogo do imaxinario e da ciencia ficción, mesturado coa realidade galega, é unha esaxeración da realidade a pesar de que esa superforza todas estas mulleres do rural galego a teñen", puntualiza.

Agora, este artista que transforma fachadas en lenzos sobre os que proxecta a súa particular homenaxe ás heroínas do rural non para de recibir encargos. O de Soutomaior foi o primeiro na provincia de Pontevedra, os demais fíxoos na Coruña e outro en Navia de Suarna (Lugo). As próximas obras poderemos velas en Vigo, Pontecaldelas e Ribadumia, entre outras localidades.

Carmen, hoxe viúva, cun fillo, tres netos e tres bisnetos, viviu toda a vida pendente do devir das mareas. Antes de que estalase a Guerra Civil estaba a recoller ameixas, tiña 11 anos e acompañaba á súa nai. Descalza e sen neopreno, son moitas as mergulladas que se deu na ría ao longo da súa vida a pesar de non saber nadar.

Cos anos Carmen forxouse unha boa reputación como mariscadora, pero moito máis como muller de negocios. No 58 empezou a comprar o marisco ás súas compañeiras, tal como facían os comerciantes, sen deixar por iso de recoller a súa parte. Á pregunta do artista que a retratou de se unha vez metida na compra venta lle merecía a pena ir a faenar ela respondeu "tanto, que ata cando me xubilei seguía indo de cando en cando" confesándolle que tras unha multa por furtiva aos 70 anos deixou de baixar á ría, unha auténtica desgracia para ela.

Carmen non puido pasar pola escola, pero iso non lle impediu aprender matemáticas e a ler, case de forma innata, xa que ao rematar de traballar os comerciantes esperaban ás mariscadoras na beira do mar coas básculas para realizar as transaccións. Os prezos variaban segundo a tempada e canto máis rápido fixeses as contas de cabeza máis quilos un compraba. Carmen, mollada e coa súa carga, sacaba a súa báscula e empezaba a mercar. Polo que moitos comentan destacaba tanto pola súa axilidade mental como pola súa xenerosidade no redondeo dos pesos.

As actividades con motivo do 8M proseguen a vindeira semana no Castelo de Soutomaior coa plantación de camelias "María Vinyals" levada a cabo dende a Deputación de Pontevedra, entidade que rexistrará esta nova camelia desenvolvida na Estación Fitopatolóxica de Areeiro. "É unha flor dobre formal, con multitude de pétalos e sen estames" indicou a presidenta de Deputación Carmela Silva. "Predomina a cor vermella, e precisamente María Vinyals era coñecida como a marquesa vermella, pero cando está completamente aberta, vira a cor lila lavanda; as miradas lilas que tanto precisa a sociedade. Unha cor relacionada co movemento feminista, do que Vinyals foi precursora hai 100 anos".

Esta iniciativa será ampliada posteriormente con futuras plantacións no espazo que se ten reservado no Castelo para crear un xardín de camelias con nome de muller. "Nel, amais desta María Vinyals, iremos plantando camelias como a Rosalía de Castro, a Bella Otero ou Jane Andresen, bautizando futuras camelias con nomes de muller". Deste xeito, convocaranse tamén a grupos de escolares para que visiten Soutomaior "e veñan plantar camelias cun claro obxectivo, plantar igualdade coa mocidade".

Redondela

Redondela celebrou onte o seu acto institucional co gallo do 8M: unha mesa de debate interxeracional no multiusos da Xunqueira, lugar onde mañá ás 18.00 horas se representará "Sorpresa", una peza teatral feita por mulleres para falar de mulleres. Tamén mañá domingo, ás 12.00 horas hai previsto un percorrido polas rúas da vila e posterior concentración na Praza da Constitución convocada pola Asemblea Feminista Paxaretas.

Antes, hoxe ás 12.00 horas, no multiusos da Xunqueira, terá lugar a clausura de «No camiño do vento», un proxecto contra a violencia machista e pola igualdade de xénero en memoria de Sesé Mateo García, nai, amiga e compañeira. E ás 18.30 horas, presentación do libro "La prostitución en el espejo de los medios: un análisis de ABC y El País entre 1977 y 2012." de Ana Belén Puñal Rama.

As actividades continuarán o martes, ás 12.30 horas na praza do Concello, co programa provincial "Mulleres en Acción. Violencia Zero" coa actuación de Somdolilá e ademais nos centros educativos de Primaria impartiranse contos con final alternativo e nos institutos proxectarase "Matria".

Cerdedo-cotobade

En Cerdedo-Cotobade proxectarase mañá curtametraxe "Coma min, moitas", será ás 12.00 horas na sala de usos múltiples de Carballedo e a maiores deseñaron dúas actividades (Xincana da igualdade e Éxito en igualdade) para os centros educativos que se desenvolverán ao longo da vindeira semana.

Na comarca do Baixo Miño tamén renden homenaxe á muller. Na Guarda conmemora o Día Internacional da Muller 2020 con diversas actividades nas que se inclúen un programa de cinema da muller con tres proxeccións, un obradoiro de biodanza e unha concentración reivindicativa. O centro cultural da Guarda será o escenario para as tres proxeccións do programa de Cinema da Muller, a primeira ("Unha moza volta para casa soa de noite" de Ana Lily Amirpour) foi onte e as seguintes serán os días 20 de marzo e 3 de abril; todas contarán cunha charla coloquio previa ás 20.00 horas e posterior proxección ás 21.00 horas. O venres 20 proxectarase "As Lindas" de Melisa Liebenthal e o venres 3 de abril "Histeria" de Tanya Wexler. Na xornada de mañá terá lugar a concentración reivindicativa 8M en prol da igualdade real entre mulleres e homes, coincidindo co propio Día Internacional das Mulleres, será ás 12:30h na Praza do Reló. Dende o Concello convidan ás asociacións, centros educativos, comerciantes, veciños da Guarda e a todas aquelas persoas que desexen participar neste acto que contará coa intervención de membros do goberno local, que lerán un manifesto feminista. Todas aquelas persoas que desexen participar poderán facelo coa lectura dos seus escritos e/ou calquera outra forma de expresión. Tamén mañá, previa a esta concentración, de 11.00 a 12.30 horas, realizarase o obradoiro de biodanza "Danzando pola Igualdade" impartido por Sara Rodríguez.

No Rosal o Concello pon en marcha unha ampla programación cultural, deportiva e artística con claro protagonismo feminino co obxectivo de visibilizar o labor da muller na sociedade, reivindicando a igualdade de oportunidades nos distintos ámbitos da vida e o dereito a vivir sen violencias.

Durante todo o mes de marzo a Casa do Concello acolle a exposición 'Muller no Deporte', unha mostra con 13 fotografías de deportistas rosaleiras de diferentes disciplinas retratadas facendo o que máis lles gusta. Así, o público pode ver imaxes das xogadoras de balonmán Alba e Andrea Dapena, Ana Belén Díaz e Elena Estévez; da judoka Verónica Pérez; da ciclista e triatleta Montse Martínez; das futbolistas Cecilia Fernández e Sara Álvarez; das atletas Ariana González e Vanesa Martínez; da piragüista Andrea González; da nadadora Fanny Pose ou da ciclista e xogadora de balonmán Arantxa Gómez. O deporte será tamén o escenario escollido para a lectura do manifesto con motivo do Día Internacional da Muller. Será esta tarde, no descanso do partido entre o Acanor Atlético Novás e o Club Handbol Bordils (19.00 horas), que arrancará coa actuación do grupo de percusión Trebón dos Xidos para logo dar paso á lectura dun dobre manifesto: Joaquina Cardoso, unha muller de 70 anos que tivo que pasar moitas vicisitudes na súa vida, e Sabela, unha estudante de 18 anos, muller nova e activa feminista ofrecerán dúas visións moi diferentes sobre o pasado, o presente e o futuro se non se loita por esa igualdade tan necesaria. E mañá, aproveitando a saída do Trail Muíños do Folón as preto de 300 deportistas participantes na carreira concentraranse detrás dunha lona alusiva ao 8M nun acto que terminará cunhas palabras da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

As actividades programadas para conmemorar o 8 de marzo completaranse con diferentes accións para concienciar aos rosaleiros de todas as idades. Así, a pasada semana celebrouse a actividade de dinamización da igualdade 'Igual a nós' e durante os meses de marzo e abril tamén se celebrará o ciclo de charlas 'Ponte na súa pel', cinco conferencias sobre igualdade e prevención da violencia de xénero dirixidas a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de nais e pais, familias ou asociacións culturais, así como ao público xeral.

Como complemento a todas estas actividades o Concello do Rosal repartirá 100 camisetas e 500 chapas co lema 'R - evolucionando mentes. O Rosal en feminino' entre as persoas asistentes ao partido de balonmán do Novás, as persoas gañadoras do Trail ou aquelas persoas que compartan algunhas publicacións sinaladas no perfil de Facebook do Concello.

De cor morada está iluminada toda esta semana a fachada do Concello Salceda, onde mañá se proxectará a curta "As tres caídas de María Santiso" con posterior coloquio; será ás 12.00 horas no auditorio municipal. E a continuación, ás 13.30 horas, na Praza do Concello está convocada unha concentración a prol dos dereitos das mulleres.

Tomiño conmemora o Día da Muller cunha versión da obra de Ibsen, "Casa de Bonecas". A compañía "Estudo Momento" trae esta noite ao auditorio de Goián unha adaptación do clásico do dramaturgo, predecesor dos movementos feministas, estreado con grande escándalo en Copenhague en 1879. A función dará comezo ás 22.00 horas.

De xeito similar a Soutomaior, en Tomiño tamén se homenaxea á muller cun mural, neste caso no exterior do campo de fútbol do Alivio. Foi onte cando se presentou oficialmente a obra realizada pola artista afincada na Guarda Gemma Marqués que se suma a outra xa feitas anos anteriores. Esta trátase dun retrato a gran escala inspirado nunha fotografía da tomiñesa Pily Reñones, galardoada pola Asociación Portuguesa de Profesionais da Imaxe e nominada aos Goya de Fotografía na categoría de Gráfico Documental. Reñones fotografou a Sara, outra tomiñesa de 105 anos, moi afeccionada ao fútbol. Sara Rodríguez Salvador é a persoa máis lonxeva da vila. Pertence a familia "dos piscos", alcume que vén duns bois pequenos que tiñan cando andaban ao xornal. Afeccionada ao fútbol, foi ata os 90 anos ou máis, a ver o Tomiño FC. O Concello quere facer un pequeno homenaxe en agradecemento a Sara, unha muller que, "desafiando as normas que relegan á muller ao espazo privado e as apartan de aqueles eidos tradicionalmente masculinos, acudía a o campo de fútbol do seu equipo, o Tomiño FC , como a afeccionada incondicional". A idea do mural, encargado polo Concello, parte dun proxecto feminista, ideado pola propia artista plástica que leva por título "Anónimas, retratos de musas cotidiás".

Mañá ás 12.00 horas terá lugar unha concentración na Praza do Seixo, co música, poemas e lectura do manifesto. E para rematar, o 27 de marzo, Rosa Cobo Bedía, referente do feminismo e profesora titular de Socioloxía de xénero na Universidade da Coruña, impartirá a charla "A cuarta ola feminista e a violencia sexual. ¿Estamos ante a cuarta ola?". Será ás 19.00 horas no salón de actos.

Tui acolleu o pasado luns o inicio da programación da Deputación de Pontevedra con motivo do 8M. Así, ata o vindeiro 2 de abril poderase visitar na Sala de Exposicións da Área Panorámica a mostra itinerante "Rompe. Xoga en Igualdade" composta por unha serie de bonecas nas que se interviron para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenos, así como na transmisión de valores.

Onte tivo lugar a lectura dun manifesta e presentación de "Mulleres senlleiras de Tui 2020" en colaboración cos centros educativos; hoxe monólogo "En que pensan as mulleres" da artista, poeta e terapeuta da risa Baia Fernández, na sala Félix, ás 20.30 horas e pola noite cea homenaxe ás mulleres no Parador de Tui e mañá domingo, ás 11.45 horas, concentración internacional na vella Ponte Tui-Valença con lectura de manifesto conxunto amenizado coa actuación de Xoana.

En Ponteareas s actos polo 8M terán lugar o vindeiro domingo, día 15, no auditorio municipal. Ás 18.00 horas acto de recoñecemento a deportistas pioneiras e ás 19.00 horas concerto de Guadi Galego.

Salvaterra de Miño conmemora este día o luns cunha actividade infantil na praza do Concello, a partir das 17.00 horas. Celebrase un obradoiro para cativos a través do xogo e da creación de adhesivos os nenos coñecerán a dez mulleres reais que no seu día foron pioneiras nos diferentes ámbitos e cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor.

En Covelo, tamén mañá, ás 17.30 horas no auditorio municipal, representarase a peza teatral cómica "15 minutos" de Mónica Sueiro e posterior coloquio sobre o papel da muller na sociedade actual.

Na Cañiza representouse unha obra de teatro o pasado domingo, "té con knat" con Marta Pérez e María Roja.

En Arbo proxéctase esta tarde, ás 17.00 horas no auditorio municipal, a curtametraxe "As tres caídas de María Santiso". A entrada é gratuíta para maiores de 7 anos.

En Mondariz Balneario, mañá ás 13.00 horas, hai programado un pasarrúas pola igualdade feito pola comunidade escolar. Estudantes, profesorado e anpa implícanse e traballan en rede co Concello pola igualdade

Nas Neves, o alumnado do IES Pazo da Mercé, protagonizou onte unha "batucada feminista", proxectouse "Visóns" e inaugurouse unha exposición de pintura da Asociación de Diagnosticad@s con Canco de Mama (Adicam) de Pontevedra, amenizada coa música das Pandereteiras Saía de Lá, de Vide. A mostra estará aberta ao público ata o 25 de marzo no auditorio municipal. Xa hoxe, a Banda de Música Popular de Rubiós organiza, ás 19.00 horas na Casa da Música desta parroquia nevense, un concerto protagonizado por mulleres da escola e da banda; ao rematar servirase chocolate e biscoito.

En Mondariz, hoxe, ás 18.00 horas, acto institucional coa plantación nos xardíns de Rodríguez Fornos dun acivro acompañado dun monólito dedicado ás mulleres, a prol da igualdade, coa inscrición "A forza de todos nós encamíñanos cara a senda da igualdade". E ás 21.00 horas proxección da película "Elisea e Marcela" de Isabel Coixet

Co inicio de marzo comezaron tamén as actividades conmemorativas do 8M no Porriño. A zona peonil acolle ao longo de todo o mes a exposición "Crea 8 de marzo. As conquistas do feminismo", ao igual que tamén acolle os mandís con frases e lemas reivindicativos feitos polas participantes no obradoiro "Colga o teu mandil" celebrado o luns e martes no centro cultural. E onte presentouse o proxecto de reflexión sobre as desigualdades cotiás "Sementamos igualdade" e o vindeiro mércores, ás 20.00 horas no centro cultural, presentarase o IV Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2020-2024 do Concello do Porriño no cal se aborda sete eixos de intervención con 54 medidas de acción como son a promoción da igualdade na política municipal; o emprego e a conciliación da vida persoal, laboral e profesional; a coeducación, deporte e calidade de vida; urbanismo, mobilidade e seguridade; atención a situacións de vulnerabilidade; empoderamento e participación e violencia de xénero. O obxectivo é impulsar políticas activas que garantan a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes como medio para a construción dunha sociedade máis xusta.

A programación continuará o venres 13 con outra presentación, nesta ocasión do spot publicitario "Insistir, persistir, resistir e nunca desistir". Será ás 20.00 horas no centro cultural. Nel participan deportistas locais encarnando a deportistas femininas nos deportes masculinizados, como por exemplo o fútbol, e viceversa, deportistas homes en deportes feminizados, como ximnasia rítmica. A finalidade é visualizar, concienciar e loitar pola igualdade, a non discriminación por razón de xénero e erradicar a violencia machista, contribuíndo á normalización da convivencia na diversidade.

Por outra banda, a asociación Mulleres en Igualdade do Porriño organiza para hoxe tamén unha homenaxe a tres mulleres da vila que destacaron pola súa traxectoria familiar e profesional, "loitadoras e merecedoras dun galardón". Será no Restaurante Manolo da localidade, a partir das 19.00 horas

A homenaxe a unha muller de gran relevancia no mundo do deporte de Mos abriu a programación co gallo do Día Internacional da Muller neste concello da Louriña. A ciclista Susana Alonso foi recoñecida, o pasado sábado na saída da Challenge Rías Baixas, pola "súa capacidade de superación, unha deportista incansable que nunca deixa de sorprendernos e que é unha honra ter entre a veciñanza do Concello de Mos", indicaron a alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira de Deportes Begoña Toucedo. O esforzo da ciclista mosense é dobremente meritorio ao compaxinar o deporte de alta competición coa súa vida profesional. Ademais Susana Alonso forma parte da Selección de Galicia.

A Mesa de La Vuelta decidiu homenaxeala nomeándoa madriña da cuarta edición da "Challenge Rías Baixas" e agasallándoa co primeiro maillot oficial mosense da saída de La Vuelta Ciclista a España e que leva rotulado na parte traseira o nome de Susana Alonso.

A programación municipal conmemorativa do 8 de marzo continúa esta noite coa celebración da II Cea Baile "Son muller" no pavillón Óscar Pereiro. E mañá, con motivo da celebración este ano 2020 do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte, proxectarase a película "Concepción Arenal", eminente penalista, funcionaria de prisións, escritora e pioneira do feminismo español; será no auditorio do Centro Dotacional de Torroso ás 20.00 horas.

Por outra banda, onte inaugurouse no Pazo de Mos a exposición Vieiros, que estará aberta ao público ata o 5 de abril. Trátase dunha mostra inclusiva e colectiva de poesía visual que reúne as obras dun grupo de dez mulleres con discapacidade intelectual do centro EVD Galicia de Mos xunto a seis creadores de dilatada traxectoria artística como son Paco Vila Guillén, Mikel Jáuregui, Marcos Mesa, Franklin Fernández, Alfonso Aguado e David Fernández Rivera. O conxunto de poemas visuais creados polas diferentes mulleres con discapacidade que participan na mostra son froito dos obradoiros de poesía visual que impartiu o poeta e dramaturgo David Fernández Rivera. Con esta exposición preténdese reivindicar, non só a necesidade da poesía visual nesta sociedade, independentemente das características ou circunstancias das persoas que a creen, senón tamén da inclusión como pilar básico dunha sociedade máis xusta.

Os actos programados en Baiona xurdiron de varias reunións con mulleres, representantes de asociacións tanto deportivas coma culturais e mulleres salientables do eido artístico, deportivo e docente. Trátase dunha segunda convocatoria programática, explican dende o Concello. Na primeira ocasión levou o nome de "Novembro Lila" e o foco púxose na concienciación e sensibilización contra a violencia de xénero, neste caso o obxectivo é poñer en valor o traballo das mulleres (maioritariamente de Baiona) nos diversos eidos mediante accións cun ton máis festivo, celebrando os pasos que se teñen dado ata agora e empoderando a todas esas mulleres que foron silenciadas. O nome é "Primavera Lila" e comezou onte cun acto de presentación de toda a programación que inclúe contacontos nos centros educativos, o venres 20 Paula Carballeira estará nos colexios Belesar e Sabarís e o martes 24 Raquel Queizás no Cova Terreña e no Fontes; ampliación do punto de interese feminista, con lectura de fragmentos feministas e representación de "15 minutos" de Mónica Sueiro, o día 13 ás 20.00 horas; exposición colectiva do 20 de marzo ao 17 de abril na biblioteca municipal e batucada, recital poético e música tradicional festeira o 21 de mazo dando a benvida a primavera.

"Os celos no son amor", "só sí é si", "controlar o móbil é violencia", "non máis violencia machista" son algunhas das frases que se poden ler e compartir nos descansos dos eventos culturais, deportivos ou sociais do Concello de Gondomar grazas á presenza do Punto de Igualdade Vivo. Esta iniciativa, que se enmarca dentro do cuarto Plan Municipal de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (2017-20) do Concello, é pioneira na comarca do Val Miñor e o seu obxectivo principal é o de traballar a sensibilización entorno á igualdade de forma transversal a outros ámbitos de actuación, como pode ser o tempo libre, a educación ou o deporte. Deste xeito, coincidindo cos eventos que se organizan no municipio, durante a súa celebración instálase un expositor con material informativo específico para a promoción da igualdade de xénero, así como de prevención en violencia de xénero. Nesta ocasión, haberá mañá un stand na feira de oportunidades Portobelo, na Praza da Paradela, onde tamén se realizarán dous obradoiros, un horario de mañá e outro de tarde, de sensibilización en igualdade de oportunidades e violencia de xénero para nenos. Ademais, ás 11.00 horas haberá unha concentración e lectura de manifesto e sumaranse á marcha que sairá dende Gondomar cara a Ramallosa onde está prevista ao mediodía outra concentración con lectura de manifesto na que participarán entidades dos concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona

Reivindicar e visibilizar ás veciñas de Nigrán como suxeito histórico imprescindible para entender o municipio: labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices... ese é o obxectivo da exposición de fotografías "Mulleres de Nigrán - 1970" inaugurada onte no auditorio municipal co gallo do 8 M. Unha mostra propia froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano unha escolma de 150 de imaxes antigas.

Por outra banda, o Concello de Nigrán colaborou co IES Val Miñor na celebración do III Premio Muller Científica outorgado nesta edición á astrofísica Ana Ulla Miguel, profesora no Departamento de Física aplicada da Universidade de Vigo e investigadora de prestixio internacional. Ao longo da súa traxectoria participou en varias iniciativas que vinculan a promoción das achegas das mulleres no ámbito da astronomía e a difusión da ciencia entre grupos de alumnado de diversos niveis. Nas dúas anteriores edicións deste galardón recoñeceuse o traballo da bióloga Iria González Vasconcellos e da científica África González.

O centro cultural de Oia acolle hoxe, ás 19.00 horas, a estrea do documental "Eu tamén necesito amar" realizado polo gondomarés Antonio Caeiro coas produtoras O Faiado producións e Ollomol audiovisual. Por outra banda, O Concello de Oia organiza, hoxe ás 17.00 horas, unha visita guiada polo barrio histórico baixo o título "Arrabal en feminino" e o vindeiro domingo día 15 unha andaina pola igualdade, que percorrerá a nova ruta circular do Mosteiro; ambas actividades son gratuítas e para a andaina requírese inscrición no Concello antes do día 12.