As catro sobreiras da Ermita da Madalena, no Rosal, postúlanse como candidatas a engrosar o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público no que se inclúen aqueles exemplares e formacións merecedoras dunha protección especial polas súas excepcionais características. A solicitude parte do Concello, en colaboración coa Comunidade de Montes de Eiras, o entender que "para nós é importante salientar dalgún xeito a riqueza histórica, ambiental ou patrimonial que temos no municipio. Cremos que estas árbores reúnen as serie de condicións que as fan idóneas para que sexan incluídas no catálogo, polo seu porte, pola paraxe na que se atopan e pola súa singularidade".

Precisamente estes valores son os que destacan na solicitude de inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Por un lado, a localización, situada na cima do alto da Madalena, dende onde pode contemplarse unha vista panorámica da ribeira do Miño e do seu estuario. Tamén faise referencia á talla das árbores, cuns perímetros de 485, 430, 385 e 197 centímetros, e á singularidade de que se atopen xuntos varios exemplares de gran porte e tamaño, formando entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 metros no eixo maior e 23 metros no menor.

A beleza, recollida en numerosas fotografías publicadas en diferentes medios ou na obra dos pintores goianeses Antonio Fernández e Xabier Pousa, é outra das características que se destaca na petición de inclusión. A isto hai que sumar o seu valor histórico, o estar o lado dun xacemento arqueolóxico e da Capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado. As tradicións tamén son outro valor a destacar, xa que nas súas inmediacións ten lugar anualmente unha romaría no mes de xullo.