Fomentar a modernización e o desenvolvemento do sector da pedra natural nos Balcáns Occidentais a través do fortalecemento da relación entre as institucións de educación superior e as empresas é o obxectivo principal do proxecto Balkstone do que forma parte o IES Ribeira do Louro.

O pasado mes celebrouse a reunión de lanzamento na capital albanesa a onde se desprazou o profesor Amador Ordóñez que compartiu mesa con representantes dos 14 socios restantes deste programa coordinado directamente dende Bruxelas e para o cal se destina un orzamento de 872.309 euros a executar en tres anos.

"A través deste proxecto preténdese favorecer a implementación dos cambios necesarios para o desenvolvemento do sector dende o punto de vista da xestión, métodos de extracción, de procesamento e de colocación, controis de calidade de acordo cos estándares internacionais, e estratexias de comercialización", explica Ordóñez. Para elo, neste primeiro encontro estableceuse a tarefa de que cada socio "busquemos información sobre que hai na FP e na ensinanza superior relacionado coa pedra, así como tamén indagar no sector empresarial as diferentes técnicas empregadas, co obxectivo final da transmisión de coñecementos e competencias aos socios dos Balcáns para que poidan sacar o máximo proveito dun recurso en alza".

No que respecta aos países da Unión Europea participan no proxecto centros de educación superior e formación profesional de España, Italia, Grecia e Romanía. Como receptores do coñecemento participan universidades de Albania, Bosnia Hercegovina, Montenegro e Kosovo, países con potencial no sector pero onde as empresas e as institucións de formación carecen dos coñecementos e das tecnoloxías que lles permitan acceder aos mercados internacionais.

Ordóñez sinala que o proxecto xorde, por unha parte, a raíz das accións de mobilidade que se veñen realizando nos últimos catro anos con institucións dos países dos Balcáns, e tamén asiáticos e do norte de África e, por outra banda, polo interese do instituto en volver a establecer ensinanzas relacionadas coa pedra natural que deran continuidade ao traballo realizado anos atrás cando neste centro porriñés se impartía un módulo experimental de cantería e que permitira ás empresas de pedra da comarca contar con persoal debidamente cualificado para a expansión internacional do sector, así como dar aos mozos a posibilidade de acceder a unha formación que lle dera un acceso inmediato ao mercado de traballo.

Deste xeito, o IES Ribeira do Louro, que lidera o paquete de traballo de desenvolvemento dos materiais didácticos, representará no proxecto, no que traballa ao abeiro da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional da Xunta, tanto os seus coñecementos relacionados coa formación no sector da pedra natural, como no relativo ao comercio internacional, ao contar cun Ciclo Formativo Superior de Comercio Internacional.

A seguinte reunión será en Kosovo no mes de setembro.