Gondomar sumase ao proxecto Naturaliza Educación ao que se poden sumar os centros escolares do municipio que queiran. A súa pretensión é facer transversal a educación ambiental facendo que forme parte de todas as materias troncais que se imparten en educación primaria ao alumnado.

Desenvolto por Ecoembes, o Concello de Gondomar convida aos colexios a sumarse ao proxecto "Recicla no teu centro" polo que se lles dotará de papeleiras amarelas e azuis fomentando unha reciclaxe activa en cada un deles.

Por outra banda, este iniciativa precisa a máxima implicación de toda a comunidade educativa xa que con ela propóñense distintas accións dirixidas directamente aos docentes.

Nelas apóstase pola creación dunha rede de compromiso polo medio ambiente dentro das propias escolas, facilitando desde Naturaliza a formación específica aos profesores e profesoras, así como os recursos necesarios para o seu desenvolvemento no tempo lectivo.

A Concellería de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica de Gondomar considera esta iniciativa unha ferramenta básica para a formación das novas xeracións que permita a súa sensibilización ambiental, á vez que se incorporan actitudes pro ambientais nos máis novos que, á súa vez, permitan facer máis efectiva a loita contra o cambio climático.