É tempo de lamprea. A súa pesca e degustación comezou en xaneiro e estenderase ata maio. É un peixe azul milenario, de aspecto pouco común, que no sur da provincia de Pontevedra se pesca tanto no río Miño como no río Tea, aínda que empregando distintas artes de pesca.

Na parte alta do río Miño, nas localidades de Crecente, Arbo, As Neves e Salvaterra, a pesca de lamprea está considerada como "tradicional" ou "artesanal" e as lampreas se capturan desde as pesqueiras (construcións de pedra no leito do río tamén chamados pescos). Para facelo, os pescadores empregan dúas artes de pesca: o biturón (tamén coñecido como masoura) e a cabeceira (tamén chamada antigamente rede basta).

O biturón é o máis utilizado, especialmente en Arbo, municipio no que continúan máis pesqueiras en activo. Esta rede ten forma de cono e remata en punta. Está feita con arcos de ferro que substitúen aos de madeira que se empregaban antigamente. Pola súa parte, a rede cabeceira, que se coloca na cabeceira da pesqueira, é máis frecuente nas Neves e Salvaterra, é menos recomendada cando o caudal é baixo, porque pódese enlear e recoller paus e limos do río deixándoa infrutuosa. "A cabeceira tamén é máis cara, por iso actualmente se emprega máis o biturón, somos ao redor de 6 os pescadores que sabemos utilizar as dúas artes indistintamente" explica o arbense Ángel Fernández, presidente da asociación de pescadores O Trabadoiro. Tamén son os propios pescadores os que saben reparar as redes. Así e todo, como o relevo xeracional se está a perder na pesca sobre pesqueira polas baixas capturas, tamén se están a perder os coñecementos de como reparar as redes.

"Se cae parte dunha pesqueira, tampouco se atopan canteiros que saiban reparalas, porque non é como facer un muro, como moitos poden pensar, hai que ter coñecementos sobre a presión da auga, ten que ser construída con pedras que van cruzadas en distintos sentidos, colócanse para que o río as aperte, téndolle que cravar en ocasións grampas de ferro, empregando os tornillos que se utilizaban antigamente para os carros" explica Ángel Fernández, que acudiu ao Miño a colocar o biturón xunto ao tamén pescador Manuel Sarandón.

Esta tempada foron ao redor de 110 os pescadores que solicitaron licenza para capturar lamprea nas pesqueiras do Miño, preto de 200 menos que fai 40 anos, cando comezaron a soar as ameazas de construción dun embalse en Sela, recentemente descartado oficialmente. Foi aquel temor o que fixo que, paseniñamente, os pescadores deixaran de crer que a pesca de lamprea desde as pesqueiras tiña futuro.

Fai algo máis de medio mes que comezou a tempada de pesca de lamprea en Arbo (do 15 de febreiro ao 20 de maio) e as capturas son mínimas. "Hai moitos días nos que non se colle nin unha soa lamprea, hai pescadores que non collen nin unha en toda a tempada. Eu por exemplo, collín 20 lampreas o ano pasado en toda a tempada e pesco en 8 pesqueiras" explica Ángel Fernández.

E é que agás algunhas poucas excepcións, as pesqueiras en Arbo son multipropiedade, chegando a haber algunha dividida en 4.400 partes, tendo que repartir o tempo de dereito a explotala. "Iso era sobre todo antes, agora hai algúns pescadores que sacan a licenza para non perder o dereito de pesca pero na práctica non van ao río porque non chega a lamprea a Arbo" explica Ángel Fernández.

A tempada de pesca de lamprea na parte alta do Miño ampliouse desde o ano pasado, pero os pescadores cren que a solución para que nas pesqueiras se volvan coller exemplares non está en ter máis días de pesca.

O que piden os pescadores de Arbo e que se cambien as normas na parte baixa do Miño. "Pediríamos que non puideran empregar redes de deriva que collen de todo e que tiveran que parar en días alternos ou polo menos as fins de semana, para permitir que lamprea remontara o río, e chegara aquí arriba, así nos poderiamos pescar lampreas e tamén se garantiría o desove" sinala o arbense Ángel Fernández, quen explica que "o noso modo de pesca segue sendo o mesmo que fai centos de anos, mentres que os pescadores do Baixo Miño agora teñen redes moi agresivas e introdúcense no río empregando embarcacións con motor fora borda, cando antigamente pescaban desde a beira e despois con embarcacións a remo".

Os arbenses pediron, anos atrás, a habilitación dun punto de venda no mercado municipal no que poder comercializar as súas lampreas, ademais da etiquetaxe, para que no mercado quedase patente cales eran as lampreas de Arbo. Con todo, nos últimos anos o número de capturas decaeu tanto que esta petición foi perdendo forza. "Non é algo que descartemos, todo o contrario, seguimos pedíndoo, pero antes habería que por freo a algunhas prácticas no Baixo Miño que nos impiden ter capturas en Arbo porque collen todo coa súa presenza constante no río, e que senón claro que non teremos nada para vender, non teremos sequera para que a proben moitos dos pescadores" insiste Ángel.

O certo é que a tempada comezou aínda fai pouco máis de medio mes, pero os pescadores temen que as capturas non melloren. "O raro é atopar algunha lamprea no biturón cando imos pola mañá cedo a ver se houbo capturas durante a noite" explica o presidente dos pescadores asociados ao Trabadoiro. Con todo recoñece que "aínda que comeza mal, é mellor que a do ano pasado, que foi desastrosa".

As artes de pesca empregadas na parte alto do Miño poden permanecer durante o día e durante a noite na auga. Non obstante, é a primeira hora da mañá, as 7 da mañá, non máis tarde, unha das mellores horas para ir ver se houbo sorte e caeu algún exemplar. "As lampreas móvense pola noite, pódense mover tamén polo día, pero sobre todo pola noite, e por iso soemos ir ao amencer a ver se caeron porque despois desa hora xa comeza a funcionar as turbinas da presa de Frieria pola demanda eléctrica" explica Fernández.

Aínda que un pescador pode valerse so para subir o biturón á pesqueira e quitar as lampreas atrapadas, se caeu algunha, cando o Miño leva moito caudal e as correntes son fortes, requírese incluso a axuda de ata 6 persoas. "Ás veces, dependendo da pesqueira, é preciso mollar os pes para acceder e quitar o biturón. É moi importante a experiencia e saber facelo amodo, con cautela, para evitar esvarar" aconsella o pescador arbense que estima nos 55 anos a media de idade dos pescadores de lamprea desde pesqueiras en activo na actualidade.

Os veciños de Arbo defenden o sabor da súa lamprea por riba da collida en calquera outra parte do Miño ou noutro río. Din que a carne das lampreas que se pescan en Arbo é máis compacta e dura ao terse que enfrontar as correntes río arriba. "Para chegar a Arbo ten que remontar o río que queima toda a graxa que acumulou no mar necesaria para remontar o río para vir desovar, ao inicio do Miño aínda está branda a súa carne porque aínda non perdeu esa graxa, en cambio, aquí arriba xa chega batida e a súa calidade é máxima" defende un arbense coñecedor do pez ciclóstomo considerado como unha xoia do Miño.

A fama da lamprea de Arbo non so pola calidade da especie, senón tamén pola sabedoría das cociñeiras da localidade, motivou no século pasado que incluso restaurantes de Madrid encargasen lampreas cociñadas en Arbo para que fosen transportadas no tren da noite para servir ao día seguinte na capital española.

Arbo ten moi bos restaurantes que na temporada de lamprea ven crecer notablemente a súa clientela. No pasado, a demanda de lampreas cociñadas en Arbo era tal que incluso algúns restaurantes abrían unicamente na tempada da lamprea, uns tres meses ao ano. É o caso do restaurante Casa Mezquita, aínda que existen outros máis.

Precisamente, dúas irmáns da saga do restaurante Casa Mezquita, en Arbo, son as creadoras da primeira lamprea afumada que se comercializa envasada e que permite degustar lamprea durante todo o ano. É un produto gourmet que se comercializa como "Obrador de Lamprea".

Pesca no río Tea

As lampreas chegan ao Miño desde o océano Atlántico, e ademais de remontar o Miño para desovar, algunhas ao chegar a Salvaterra remontan polo seu afluente o Tea. E é precisamente neste río, desde a desembocadura en Salvaterra ata A Moscadeira, xa en Ponteareas, onde tamén está permitida a pesca tradicional da lamprea.

No Tea a pesca de lamprea é nocturna e moi singular. Faise sobre pontes construídas no leito do río e empregando unha fisga. A tempada esténdese do 3 de febreiro ao 10 de maio.

O tramo hábil do Tea para a captura de lamprea divídese en estacadas, que son pontes de madeira, ferro ou aluminio, que se poden colocar en puntos establecidos previo sorteo e licenza.

En xaneiro celebrouse un sorteo na casa dos pescadores, en A Freixa, no que os aspirantes a lograr unha estacada esta tempada participaron. As mellores estacadas, autorizadas en tramos propicios para as capturas, foron elixidas polos afortunados do sorteo, mentres que as peores estacadas, de difícil acceso e baixas capturas, quedaron desertas.

Cada estacada autorízase a un grupo de catro pescadores que poden pescar, en días alternos, e so pola noite de 21.00 horas ás 8.00 horas. De tal maneira que as estacadas impares poden ir ao Tea a pescar as noites dos luns, mércores e venres; e os pescadores das estacadas pares, poden ir pescar os martes, xoves e sábados.

Para pescar as lampreas, os pescadores deben subirse á estacada ou ponte previamente construída e sobre a auga do río, cravalas cunha fisga. De aí a importancia de que a auga non estea moi turbia e que o caudal non sexa demasiado alto.

"Antigamente se cravaban coa fisga e ao sacalas desgarrábanse as lampreas e perdían moita sangue, pero agora a fisga ten un tornillo que permite quitalas sen case danalas e por iso a penas perden sangue. De feito se as metemos en auga uns días antes de comelas, a ferida chega a cicatrizar" explica Benjamín Domínguez, veciño de Fornelos da Ribeira, en Salvaterra, que aos seus 53 anos recorda os seus inicios como pescador de lamprea no Tea aso seus 15 anos. "É un hobbie, nos collémolas para comelas cos amigos e coa familia".

A tempada no Tea comezou "frouxiña de todo", segundo Benjamín, que agarda que coa chegada da primavera as capturas melloren. "A auga está moi fría pero seguro que cara mediados de marzo a lamprea entrara".

Os pescadores de lamprea do Tea teñen estacadas favoritas. "É certo que para pasar para as outras, primeiro teñen que pasar pola número 1, así que..." comenta Benjamín que este ano no sorteo escolleu, xunto a tres amigos, a primeira estacada.

Aínda que poden pescar durante toda a noite, a maioría dos pescadores do Tea, fano unicamente unhas horas. "A non ser que estea sendo moi boa noite, os que traballamos non podemos pasar toda a noite sen durmir" apunta Benjamín.

O certo é que aínda que o pasan ben entre amigos, falando e desfrutando do río, tamén fai moito frío.

No Miño con embarcación

No Baixo Miño tamén existe moita tradición de pesca de lamprea e faise como no río Ulla desde embarcacións e empregando redes denominadas "lampreeiras". Aínda que algúns pescadores de lamprea nos tramos máis próximos á desembocadura aseguran que a mellor lamprea que capturan é a de inicio de tempada, porque "as augas están máis frías", soe ser cando se aproxima a primavera cando as capturas aumentan.

Os pescadores do Baixo Miño descansan os domingos, "para respectar o paro biolóxico" aseguran, o resto dos días cada pescador métese no río coas súas embarcacións sen restricións horarias, cada un fai o horario que mellor lle convén. "Hai quen madruga e remata cara o mediodía e outros prefiren ir á tardiña e tirar ata a madrugada" explica un pescador guardés. É frecuente neste época ver aos pescadores izando as "lampreeiras" mentres as correntes do río as desprazan.

Festa

Arbo ten a festa gastronómicas máis antiga de Galicia, iniciada no ano 1961 e está dedicada á lamprea. A 60ª Festa da Lamprea de Arbo celebrarase os días 24, 25 e 26 de abril. Milleiros de persoas visitarán Arbo eses días para degustar este manxar do Miño nas distintas preparacións que se servirán en Arbomostra e tamén nos restaurantes da localidade, ademais de para desfrutar da súa ampla programación festiva.

Sorteo

Co afán de promocionar a 60ª Festa da Lamprea e degustación previa deste peixe miñoto nos restaurantes da súa localidade, o Concello de Arbo convoca unha nova edición do sorteo "Arbo, vila da Lamprea", co que tamén pretende promocionar os deportes de aventura e as súas adegas.

Poderá participar no sorteo todo comensal que acuda a comer lamprea aos restaurantes e casas de turismo rural de Arbo, todos os que realicen actividades coas empresas de aventura arbenses, os hospedes de turismo rural, as persoas que visiten as adegas do Concello e todos os visitantes do Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea "Arabo" que degusten os viños da vinoteca municipal.

Os premios consistirán en invitacións a unha das casas rurais de Arbo, comidas ou cenas nun dos restaurantes ou casa de turismo rural de Arbo, vales para dúas persoas para practicar deporte de aventura no río Miño e lotes de viño da D.O Rias Baixas de adegas de Arbo.

Pódese participar ata o 15 de maio . Están adheridos 20 establecementos: Restaurante a Rula, Restaurante a Vila, Restaurante os Pirus, Casa Barcia, Churrasqueria Torgan, Casa Cruceiro, Casa Grande Almuiña, Casa Pazos, Albergue Rural O coto, Vivendas Turisticas Eidos da Laxe , as empresas de Aventura no Rio Miño Arrepions e Vaguada Aventura e as Adegas Pazo Pondal, EidoSela, Marques de Vizhoja, As Laxas, Adega Carallán, Adegas Galegas, Adega do Ricón e o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea.