Cerdedo cotobade

Arte rupestre con vistas ás estrelas

No interior da provincia de Pontevedra, a 22 quilómetros da capital, aséntase o Concello de Cerdedo-Cotobade. Cunha extensión de 215,10 quilometros cadrados, distribuídos ó longo de 21 parroquias, é o lugar axeitado para descubrir o patrimonio cultural e histórico dunha antiga terra de canteiros

lucía costas [Cerdedo-Cotobade]

O Concello de Cerdedo-Cotobade conta cun legado arquitectónico e artístico digno de admiración en calquera recuncho, onde o románico é o protagonista, e está todo recollido no Punto de Información Virtual (PIV), unha ferramenta dixital que proporciona acceso ao extenso patrimonio catalogado, composto de máis dun cento de bens.

Este concello xurdiu da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade, en outubro de 2016. A capitalidade do Concello atópase no lugar de A Chan, na parroquia de Carballedo, sen que o seu topónimo se corresponda co de ningunha entidade de poboación.

A historia neste concello empeza no período megalítico, o que fai que os restos arqueolóxicos sexan moi abundantes, os máis numerosos son os petroglifos, pero tamén podemos atopar mámoas e castros (o coto de Castrodiz e a Cruz do Castro). Aínda que existen abundantes mostras en gran parte do municipio, os máis destacados podémolos atopar en:

-San Xurxo de Sacos, sendo especialmente importante o Conxunto de Gravados rupestres de Fentáns, que acolle preto de 300 gravados. Tres rochas destacan sobre o resto: a Pedra das Ferraduras, a Laxe dos Cebros eo Couto do Rapadoiro.

-Viascón, onde se atopan os gravados rupestres de Pedra do Lombo da Costa, Laxe do Cuco e a roca de Portela da Laxe.

Ademais dos múltiples exemplos de patrimonio relixioso con ducias de capelas e igrexas, casas reitorais e petos de ánimas repartidas por todas as parroquias, destacan as construcións tradicionais en pedra como canastros, pombais, muíños, pontes, pazos, fosos de lobos€ que teñen un gran valor para saber como era a vida nestas terras.

O patrimonio natural deste concello é outro dos seus maiores legados. Pódese realizar multitude de actividades como sendeirismo, bicicleta de montaña, caza, pesca (con inmellorables ríos troiteiros), avistamento de aves, fotografía, montañismo€ ademais de desfrutar de espazos abertos para o ocio e o esparexemento dotados de infraestruturas axeitadas como as áreas recreativas, miradoiros, praias fluviais (Cabanelas, Chan, Calvelo, Xesteira, Pozo Negro e Cerdedo) e carballeiras, destacando en Cerdedo as de Mouteira, O Garrido, Pedre, a do Retortoiro e do Sancal; e en Cotobade a de San Xusto, Famelga e a de Pozo Negro.

O concello conta cun sendeiro homologado pola Federación Galega de Montañismo, PRG-68 en Viascón, cunha lonxitude aproximada de 19 quilómetros. Unha quincena de rutas máis compoñen a oferta deste municipio para os amantes do sendeirismo

O río Lerez, que cruza todo o concello, é un dos lugares de especial atención debido a que está dentro da Rede Natura 2000, ao igual que a Serra do Cando, óptimo punto de observación paisaxística e de práctica do parapente. Cunha extensión de 5.458 hectáreas, a Serra do Cando é cabeceira dos tributarios dos ríos Lérez, Castro e Seixo. O Outeiro do Coto é o cumio máis alto, elevándose a 1.014metros.

E seguindo en puntos altos atopámonos con outro gran atractivo deste municipio, o Observatorio Astronómico de Cotobade. Está no lugar da Poza, no Monte Coirego. A Asociación Astronómica Sirio, encargada de xestionalo, organiza todos os sábados, e sempre que a meteoroloxía o permita, observacións guiadas do ceo. A actividade consta de dúas partes: observación a través do telescopio do observatorio e explicación no exterior do ceo a simple vista cunha duración aproximada de 45 minutos. A actividade é gratuíta e débese facer unha reserva previa, con aforo de dous grupos de 15 persoas cada un.

Requeixo, filloa e petote

A festa e a boa mesa tampouco faltan en Cercedo-Cotobade. As citas gastronómicas do ano son a do requeixo de Corredoira, o 2º domingo de xuño; a da filloa en Valongo, o último domingo de agosto; a sardiñada de San Xoán en Cerdedo e a do Petote en Carballedo que ven de celebrarse o pasado mes, trátase dun pequeno bolo de fariña, millo e algo de centeo amasado e cocido na auga do caldo. Ademais destes pratos, outros peculiares de Cerdedo-Cotobade son o bolo de San Martiño e a bincha ou bandullo, unha interpretación autóctona do famoso pudin.

Por outra parte, en xuño celébrase a Feira de Cuspedriños coa que se regresa a mediados do século XX para revivir o esplendor da feira que foi o referente da economía desa época. Aínda que, inicialmente era de gando, na actualidade trátase de exaltar os produtos artesanais e a gastronomía da zona.

Tracking Pixel Contents