Moitos dos programas organizados polos concellos da A Paradanta, O Condado, a Louriña, o Baixo Miño, o Val Miñor e Redondela comezaron xa onte. Así, nalgunhas localidades os escolares saíron ás rúas ataviados para festexar o Entroido e Tomiño celebrou o seu xa tradicional Venres de Foliada. Pero sen dúbida será esta fin de semana, prolongándose en moitos lugares ata o martes, mércores e mesmo os vindeiros sábado e domingo, cando os actos acaden o seu punto más álxido cos tradicionais desfiles-concurso de comparsas, complementados con outros eventos e actividades, moitos dos cales teñen unha particularidade propia da vila que os diferenza do resto. O enfrontamento dos barrios de A Feira e Castro Barreiro en Salceda; o enterro da lamprea en Salvaterra, o do bacallau en Tui, o da taíña en Goián, o do meco en Redondela, o do berete en Chapela e o do kiko en Nigrán; o Xogo da Ola no Porriño ou a Corrida do Galo no Rosal son algúns destes festexos particulares e diferenciados das nosas comarcas.

E para non perderse ningún deles, elaboramos unha guía para saber a onde ir os próximos días e ser partícipes desta troula.

Desfile de comparsas no enterro do berete en Chapela.// A. Villar.

HOXE SÁBADO

DESFILES NO PORRIÑO, NIGRÁN E AS NEVES. No Porriño len hoxe o pregón do Entroido, farano, ás 12.00 horas na praza do Concello, os xogadores da Ola, o tradicional xogo de lanzar polo aire unha ola de barro á espera de que se lle caia a alguén, que será quen pague unha multa e beba viño. O xogo será coma sempre pola tarde na rúa que leva o mesmo nome e amenizada, nesta 77 edición, por The Turre's Band. As 18.00 horas será cando de comezo o desfile de comparsas, cun percorrido de máis dun quilómetro, con saída na rúa Antonio Palacios, ata San Sebastián e remate diante do Concello. Tamén hoxe haberá unha exposición de máscaras do entroido galego; o tradicional xantar na rúa con caldo de balde, pulpeiro e filloas e xigantes e cabezudos, amenizado pola charanga do Dr Anchoa que xunto cos Festicultores Troupe, Fanfarria Furruxa e The Turre`s Band encherán de música todas as rúas da vila ao longo do día.

En Nigrán tamén se celebra hoxe o tradicional desfile de comparsas que abrirá o grupo de batucada 'Bate no Cobre' ás 19.00 horas, partindo da rúa Telleira, percorrendo Rosalía de Castro ata a estrada do Ceán, sendo a actuación de cada comparsa á altura da casa consistorial; ao remate da última actuación terá lugar a entrega de premios.

En Oia, a casa cultural de Mougás acolle, de 17.00 a 19.00 horas, unha festa infantil con música, animación, desfile de disfraces, maquillaxe e unha merendola. Nesta mesma parroquia celebrarán o luns, a partir das 16.30 horas, a súa tradicional Festa do Galo de Mougás.

Nas comarcas do Condado e A Paradanta, o sábado poderemos presenciar o desfile de carrozas nas Neves, con saída ás 18.00 horas da rotonda do antigo Montesol, percorrendo as rúas Entrecíns e Marquesa do Pazo para finalizar cunha festa na Praza Maior e a queima da velutina; entregaranse premios para as mellores carrozas e os mellores disfraces orixinais en distintas categorías. En Arbo haberá festa infantil a partir das 17.00 horas, na praza do Concello, con música, xogos, a presenza de personaxes de animación e concurso de disfraces para nenos de 0 a 11 anos. Á mesma hora, en Mondariz Balneario, a recente constituída Asociación Veciñal Troncoso organiza un concurso de disfraces e outro de filloas e orellas, rematando a festa cunha chocolatada. En Ponteareas, ás 17.30 horas, haberá un obradoiro de máscaras na Praza Maior e ás 19.00 horas, no mercado municipal, concurso de doces.

No Baixo Miño celébrase, ás 16.30 horas, una festa infantil de disfraces no Parque Raíña Aragonta de Salceda, ás 18.30 horas actuación do Coliño Bailongo e para rematar, ás 20.00 horas, concerto da Banda Cultural de Salceda no auditorio municipal. Na Guarda hoxe é sábado de güateque e a Alameda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23.30 horas co concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, e para pechar a xornada "Bailongo session" a cargo de "Furry Destroyer". Tamén en Tomiño a música será a protagonista co Festival Taíña, que se celebrará na praza de Goián.

En Redondela haberá obradoiros infantís de disfraces "a Coca Simona" na Alameda de 17.00 a 19.00 horas e de seguido Paco Nogueiras presenta o seu espectáculo "Brinca Vai! De aquí a acolá". Na pista da Xunqueira, de 17.00 a 20.30 horas, haberá inchables gratuítos.

MAÑÁ DOMINGO

DESFILES NO ROSAL, SALCEDA, MOS, GONDOMAR, MONDARIZ, ARBO, A CAÑIZA E REDONDELA. Os máis madrugadores da xornada dominical serán os do Rosal, alí o tradicional desfile de comparsas celébrase ás 11.00 horas polas rúas máis céntricas da vila. Recuperar as raíces ancestrais sen renunciar ás novas tradicións é o obxectivo deste concello, que este ano traballou para que Carnaval e Entroido tradicional convivan dun xeito harmonioso nunha festa con grande arraigo, transcendencia e seguimento social. Por este motivo, ademais do habitual concurso de carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais que se fallará tras o desfile, neste 2020 haberá un premio especial ao entroido tradicional do Rosal. Dúas realidades que conviven xa hoxe en día, grazas ao entroido tradicional que se celebra en barrios como Fornelos e Novás. Grazas á implicación da veciñanza e das comisións de festas, en Fornelos haberá ao longo da tarde pasarrúas, inchables, toro mecánico e verbena, mentres que en Novás a subida do maio, os xogos populares e o chocolate quente e a rosca serán os protagonistas. A festa nestes barrios continuará o luns coa "Corrida do Galo" e o martes coas "Frixidelas".

Tamén pola mañá en Mondariz, ás 11.30 horas, sairá o "Mondrico" cos barulleiros e a charanga da Banda de Música de Mondariz pola praza. En Salceda, ás 12.30 horas na praza do Concello estará o Rancho de Entroido da Feira acompañado dos Cabaleiros e a continuación desfile destes polas rúas da vila ata o Parque Raíña Aragonta. E na Alameda de Redondela ás 12.00 horas concerto de Cé Orquestra Pantasma.

Xa pola tarde son varias as opcións que se nos presentan. Podemos continuar en Mondariz, Salceda e en Redondela, onde se celebrarán os tradicionais desfiles de carrozas e comparsas. Ás 16.30 horas será a cita en Mondariz, con saída dende o colexio; ás 17.00 horas en Salceda con inicio na praza da Devesa rematando na praza do Concello co concurso de coplas, tralo cal dará comezo a verbena co grupo Nebraska; e ás 17.00 horas comezará a animación musical, a cargo de Aperta Percusión, na vila dos viadutos para dar paso ao desfile de comparsas con saída ás 18.00 horas dende o campo da feira ata Vilavella. Tamén ás 17.00 horas comezará o desfile de comparsas do Concello de Mos, dende o concesionario da Renault con recorrido pola Avenida de Sanguiñeda ata as inmediacións da discoteca Queen. E na veciña localidade do Porriño teñen programada, ás 18.00 horas, unha festa infantil no Círculo Recreativo Cultural, ademais dun biomercado artesanal de entroido ao longo de todo o día na zona peonil.

As localidades de Ponteareas, A Cañiza e Arbo acollerán tamén na tarde de mañá desfiles de entroido. Na vila do Tea iniciarase ás 17.00 horas, co acompañamento da Charanga Mekánika Rolling Band, e ao remate, na Praza Maior, procederase á lectura de coplas. Na capital da Paradanta dará comezo ás 16.30 horas na praza Maior con desfile e actuación das comparsas na rúa Antonio Facorro e na vila da lamprea será unha hora máis tarde, ás 17.30 horas, con saída da Carballeira de Turbela. A diferencia doutras localidades, en Arbo permiten inscribirse ata unha hora antes do inicio do desfile a través de persoal do Concello que estará identificado durante os momentos previos.

No Valmiñor a festa concentrarase en Gondomar. Ás 16.30 horas comezará o desfile que recupera o recorrido habitual pasando as 15 comparsas participantes pola rúa Eduardo Iglesias cara a praza da Paradela, dirixíndose posteriormente cara a Avenida Conde de Gondomar para finalizar nas inmediacións do Centro de Desenvolvemento Local.

Por outra banda, mañá a Alameda da Guarda acollerá o "Domingo das Familias", a partir das 18.00 horas, co concerto Gramola Ye Ye e o obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. E en Goián celebran o domingo de carretillas, ás 12.00 horas será o desfile de disfraces dos nenos e ás 17.00 horas a carreira de carretillas, tras a cal se comen os exquisitos "torresmos"; a novidade desta décima edición é a saída de catro cabezudos polas rúas rescatando así unha tradición ancestral da vila, dous son personaxes de películas de debuxos animados e outros dous coñecidos personaxes de Goián.

Unha das comparsas participantes no desfile do Porriño. //Alfredo Hernández.

MARTES DE ENTROIDO

ENFRONTAMENTO DA FEIRA E CASTRO BARREIRO, DESFILES NA GUARDA E TUI E QUEIMA DO MECO EN REDONDELA. Sen dúbida a cita con máis historia do martes está en Salceda. Son xa máis de 130 anos de enfrontamento dos barrios de A Feira e Castro Barreiro, probablemente un dos entroidos máis lonxevos da provincia de Pontevedra, capaz de unir a todo un barrio independentemente dos gustos, intereses ou incluso ideoloxía política de cada quen co único fin de facer un mellor entroido que o barrio rival. E ese é precisamente unha das grandes diferenzas do Entroido de Salceda, a non existencia de barrio ganador e barrio perdedor, ou polo menos non de xeito oficial, xa que o premio é a boa ou mala crítica da xente, sen veredictos. Será o martes, a partir das 17.00 horas, cando se desvele o que levan gardado con moito segredo dende o último ano e presenten as súas carrozas e comparsas, nas que participan máis dun cento de persoas de todas as idades.

Por outro lado, en localidades como Tui e A Guarda elixen o martes de entroido para celebrar os tradicionais desfiles de comparsas. En Tui o concurso chega este ano á súa trixésimo terceira edición, arrancando ás 17.00 horas da rúa Casal Aboy e pasando por Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O broche final da programación do Entroido 2020 en A Guarda é precisamente o máis multitudinario, o desfile que dará comezo ás 17.30 horas dende a "Esquina Famosa" percorrendo as rúas da vila ata a Alameda acompañado da Batucada "Bate no Cobre" de Matamá; a novidade deste ano é que se elimina a modalidade de concurso para outorgar axudas á participación. Tamén no Porriño e en Ponteareas repetirase o desfile do sábado con amenización musical; na vila do Louro será un recorrido máis curto, comezará ás 18.00 horas en San Sebastián e rematará diante da casa do Concello e na vila do Tea será as 19.30 horas finalizando cunha chocolatada na Praza Maior. En Goián, ás 17.00 horas, desfile tamén de carrozas e comparsas, tralo cal se sirve a tradicional sopa do Entroido, e en Salvaterra festa infantil a partir das 17.00 horas no salón da casa da cultura con rosca e chocolate para todos os asistentes.

No Val Miñor, os centros de día celebran conxuntamente un concurso de entroido; será durante toda a mañá no auditorio municipal de Nigrán. En Baiona continúa a programación para os máis pequenos da casa no pavillón de deportes con inchables e obradoiros, de 16.00 a 20.00 horas, e desfile infantil, ás 18.00 horas, con inscricións in situ unha hora antes do inicio e agasallo para todos os participantes. E en Gondomar os cativos volverán ser os protagonistas desta xornada coa celebración dunha gran festa infantil de disfraces con desfile incluído, será no auditorio municipal Lois Tobío, entre as 16.30 e as 19.30 horas; haberá obradoiros no vestíbulo, unha actuación con música, xogos, bailes e maxia; o martes de Entroido pecharase cunha verbena a cargo do grupo Claxxon na praza da Paradela que dará comezo ás 21.00 horas prolongándose ata a medianoite.

Redondela vivirá outra tarde chea de actividades que darán comezo ás 16.45 horas coa animación musical a cargo de Latexo Percusión e Mekánica Rolling Band. De seguido iniciarase na praza do Concello o desfile-concurso de disfraces (con inscricións nos soportais do Concello dende ás 16.00 horas). De 17.00 a 19.00 horas, na Alameda, haberá obradoiros infantís de pintacaras, peiteados tolos, antefaces e globoflexia e a continuación dará comezo o espectáculo de queima do meco "Vatra" a cargo da compañía Pablo Méndez Performances con pasarrúas dende a praza de Ribadavia ata a Praza do Concello. Xa ás 20.30 horas, na Alameda, concerto do grupo Nuevo Plan.

MÉRCORES DE CINSA

ENTERRO DA SARDIÑA EN PORRIÑO, PONTEAREAS E GONDOMAR. Tradicionalmente o enterro da sardiña é a cerimonia coa que se anuncia o fin do Entroido. A día de hoxe son moitas as localidades que continúan cos festexos en días posteriores ao mércores de cinsa.

No Porriño, en Ponteareas e en Gondomar ataviaranse para celebrar o velorio e acompañar á sardiña nos seus últimos momentos. Na vila do Louro o velorio dará comezo ás 17.00 horas na praza do Concello e ás 19.00 horas iniciarase a comitiva fúnebre polas rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, San Sebastián, Manuel Rodríguez, Ramón González e remate de novo diante da casa consistorial onde se procederá á lectura do testamento e posterior acompañamento da sardiña ás inmediacións do río Louro, na Ponte do Valo. En Gondomar dez integrantes de cada comparsa participante do desfile do domingo vestiranse de loito e chorarán a despedida do Entroido; trala procesión do enterro da sardiña procederase á lectura do testamento e á queima ou indulto deste peixe. Na vila do Corpus a comitiva fúnebre partirá ás 20.30 horas dende a casa do Concello, acompañada pola Charanga SDK, e ao remate, na Praza Maior, lerase o testamento.

En Goián danlle o último adeus á Taíña. Ás 19.00 horas dará comezo o tradicional enterro deste peixe da familia dos muxílidos, con pasarrúas e fogos artificiais.

En Redondela, para o mércores de cinsa teñen programados obradoiros infantís de decoración de máscaras de peliqueiro. Será de 17.00 a 19.00 horas na Alameda.

OUTROS ENTERROS

O remate do Entroido sóese celebrar coa queima, ou ás veces indulto, dunha figura simbólica xeralmente representada na sardiña, aínda que hai en localidades que este peixe é substituído por outra figura.

LAMPREA EN SALVATERRA. Nesta vila transfronteiriza festexan o enterro da lamprea. Será o vindeiro sábado, día 29, a partires das 17.00h co inicio do desfile de comparsas e carrozas dende a rúa Rosalía de Castro, discorrendo por Castelao, Fonte da Vila, dona Urraca e praza do Concello onde se procederá á queima da lamprea. Dende o Concello lembran que todos aqueles que queiran participar no enterro de forma persoal e non a través dunha carroza ou comparsa poden facelo dentro da propia comitiva da defunta lamprea, formando parte do grupo de choronas que acompañan a lamprea, de loito rigoroso. Ese mesmo día a parroquia de Meder festexa o seu particular Entroido a partir das 18.00 horas cun concurso de disfraces que continuará pola noite cunha verbena amenizada pola orquestra Principal e o trío Ángel América.

BERETE EN CHAPELA. Tamén o sábado 29 celebran o Entroido, coa queima do Berete, en Chapela. Ás 18.00 horas é a concentración das comparsas no Alto da Encarnación para dar comezo o desfile, que contará coa animación musical de Aperta Percusión, e ás 18.30 horas sairá a comitiva do enterro do Berete o cal será queimado na praia de Arealonga, co espectáculo "Vatra" da compañía de performances Pablo Méndez, ás 20.30 horas. O broche de ouro da xornada porao a banda de rock & soul Broken Peach que ofrecerá un concerto, ás 21.30 horas, no paseo marítimo.

BACALLAU EN TUI. Na xornada seguinte, o domingo día 1 de marzo, Tui despedirá o entroido co enterro do bacallau. A comitiva fúnebre sairá dende a Praza de San Fernando, para percorrer as rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, con parada no Cantón de Diómedes para realizar o funeral e ler ou cantar as coplas ao finado bacallau. O desfile continuará polas rúas Augusto González Besada, Ourense e aparcadoiro municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración.

KIKO EN NIGRÁN. O entroido en Nigrán é o último en dicir adeus. Será o domingo 8 de marzo cando co tradicional enterro do Kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a casa do Concello ás 18.00 horas tirado por un carro de bois para ser velado dende as 19.00 horas no Torreiro de Parada, actos que se celebran co Centro Cultural Parada do Miñor e que rematarán coa queima do Kiko e un concerto.

SARDIÑA EN BAIONA. A vila real de Baiona pasou de ser o primeiro municipio en festexar o tradicional desfile de comparsas a converterse, por mor da climatoloxía adversa, en case o último. Así, a programación prevista para o pasado domingo 16 levarase a cabo, e de novo se o tempo o permite, o sábado día 7. Un total de 20 comparsas partirán ás 17.00 horas dende a Avenida Urbana de Sabarís rematando no centro da vila; a continuación a comitiva do enterro da sardiña sairá dende a praza do Concello, acompañada pola Charanga Nova Cubana de Oia, finalizando na praia Ribeira, onde terá lugar a súa queima.

SOUTOMAIOR. O desfile de comparsas en Soutomaior será o domingo en Arcade día 1, ás 17.00 horas, con inicio no rúa Calvario e fin en Talo Río onde haberá festa e actuación musical a cargo do trío 3.com.

Gastronomía | Degustación de pratos do Entroido na Guarda e no Porriño

  • Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo da Guarda organiza en colaboración cos diferentes restaurantes do municipio o "Menú de Entroido", que inclúe un primeiro prato de caldo ou empanada, un segundo prato de lacón con grelos e unha sobremesa con filloas ou orellas. O prezo é de 18 euros por persoa e inclúe viño e café. Poderá degustarse ata o martes 25 no Restaurante Arruaz, Camping Santa Tecla, Celtic, La Pizzicata, O Cangrexal e Restaurante Xantar. Recoméndase reservar chamando con antelación.Por outra banda, como novidade este ano na vila do Louro organízanse unhas xornadas gastronómicas con degustación de produtos típicos do entroido como lacón, cacheira, orellas ou filloas en diversos establecementos hostaleiros, que ofrecen un pincho polo prezo dun euro. Comezaron xa o pasado día 15 e prolongaranse un mes, os venres e sábados, a partir das 19.00 horas. Os locais participantes na iniciativa son Tapería La de Evi, Saspi, Paso a Nivel, Argentino 2, Adéle, Segredos, Millenium 33, Cólleo con pinzas, La de Chato, A Francachela, El Patio, Pantera Rosa, Maloserá, Sol, Adega de Montero, Maracaibo, Mesón Mondariz, La Cueva e Cafetería O Porriño.