O Faro de Avión é o punto máis alto da provincia de Pontevedra cos seus 1.151 metros de altitude. Esta característica, sumada á súa nula contaminación luminosa ao atoparse a considerable distancia dos grandes núcleos poboados, converten ao monte Faro, no Concellod e Covelo, no mellor enclave do noroeste peninsular para a observación astronómica.

Os expertos nesta ciencia levan aproveitando este emprazamento para estudar o ceo e as estrelas desde fai máis de dúas décadas e, cada vez, máis público en xeral se interesa por visitalo; tanto de noite, por estas características, como de día, ao ser un dos novos miradoiros acondicionados no Condado-Paradanta.

Ao non ter ningún obstáculo visual nos 360 grados que interfiran ó seu redor na observación, o monte Faro nun verxel para os astrónomos, amantes de zonas limpas de norte a sur.

"É unha zona de térmicas moi tranquila, de ceo limpo, sen a penas vento nin turbulencias e a néboa que poida rexistrarse, por exemplo na zona da Cañiza, sempre está por debaixo" explica o vicepresidente da Federación Gallega de Astronomía e Radioastronomía (FGAR), José Antonio Álvarez.

O denominado Alto do Castelo goza dun "ceo despexado o 85% dos días do ano, e ten un dos 5 mellores planisferios da Península Ibérica, xunto aos de Parques Nacionais das Illas Atlánticas de Galicia" explica el presidente de FGAR, Jesús Pérez.

O potencial do monte Faro para a astronomía levou á FGAR a propor ás distintas administracións públicas, vencelladas a este territorio, un "megaproxecto" que requiriría preto de 6 millóns de euros e que, segundo levan analizado, se traduciría na xeración de riqueza e postos de traballo nesta municipio da Paradanta dentro do sector turístico.

Mentres este gran proxecto non chega, téñense producindo pequenos avances no monte Faro que, por fases, permiten ir sacándolle proveito ás súas calidades como observatorio, a espera de que as administracións lle dean pulo ou o descarten, sen renunciar tampouco, á aposta por este proxecto desde o sector privado.

Parapentes e telescopios preparados no observatorio e mirador no Castelo do Faro. // D. P.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta (GDR), no que están integrados os 10 concellos das dúas comarcas (Condado e Paradanta), impulsa desde o ano pasado unha Rede de observatorios nocturnos e miradoiros. Os dous primeiros xa están executados; un deles é o de monte Faro, denominado Castelo do Faro, en Covelo, e o outro é o de San Nomedio, en As Neves. Ámbolos dous foron financiados, en parte, cunha subvención da Axencia Turismo de Galicia destinada a actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural. E neste 2020 está prevista a realización doutros dous miradoiros e observatorios nos concellos de Salceda de Caselas e Ponteareas.

No mirador e observatorio do Castelo do Faro, no monte Faro, existen actualmente distintos elementos instalados que favorecen a contemplación do ceo nocturno ou a denominada astrofotografía, non só como atractivo para os expertos en astronomía, senón tamén para o público en xeral e para todos os que se queren iniciarse nesta ciencia.

No Castelo do Faro pódese ver unha área equipada con bancadas de diferentes tamaños formadas por grandes cilindros de pedra, cunha cuberta de madeira. Estes cilindros de distintos tamaños poden servir de asento e tamén de soporte para os equipos de observación e mesmo para poder deitarse comodamente e gozar do ceo nocturno illado do chan.

Nunha destas pezas, de 90 centímetros de altura, está instalado un planisferio para que os visitantes poidan orientarse e saber situar as estrelas, constelacións, planetas€ que poden verse en cada noite do ano.

O perímetro do observatorio está delimitado ao estar rodeado por uns elementos de formigón. Inclúe unha serie de figuras alegóricas ao ceo e á astronomía, previstas para funcionar como elementos indicadores e de transición entre as dúas áreas. Estas pezas instaláronse na contorna dos observatorios nocturnos, pensando na súa máxima conservación no tempo e integración na paisaxe, así como logrando a mínima intervención no medio natural.

Coa luz do sol

Ademais de como observatorio nocturno, o Castelo do Faro é visitado como miradoiro diúrno, con moito que ofrecer tamén coa luz do sol. De feito, o Concello de Covelo síntese moi orgulloso deste "tesouro" natural con vistas únicas. Desde el pódese contemplar o val do río Tea, a Serra do Suído e as carballeiras do Val do Tielas, entre outras paisaxes deliciosas. Tamén se pode divisar desde o seu cumio o mar, así como as Illas Cíes ou o río Miño na súa desembocadura no mar, na Guarda. Coa vista nas montañas pódese ver Cando, Montes de Testeiro, Galleiro, Galiñeiro, A Castrelada, ou os Montes da Paradanta, así como o norte de Portugal.

O alcalde de Covelo (PP), Pablo Castillo, explica que "está situado onde caen as primeiras neves do inverno e cumpre unha dobre función por ser atractivo e funcional, tanto de día como de noite". O rexedor tamén detalla que "de día ofrece a posibilidade de contemplar unha paisaxe única ou desfrutar dun voo en parapente con saída desde o propio miradoiro, mentres que pola noite é o entorno idóneo para contemplar as estrelas, e así o avala a Federación Gallega de Astronomía que realiza numerosas actividades ao longo do ano neste espazo".

Esta actuación que foi promocionada na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid e que está a ser moi visitada, segundo aseguran os veciños de San Salvador de Prado, en Covelo, foi posible grazas ao convenio asinado entre o Concello de Covelo e a Comunidade de Montes veciñais en Man Común de San Salvador de Prado para cesión e posta ao dispor dos terreos comunais e ao financiamento da Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia.

Megaproxecto

A Federación Gallega de Astronomía e Radioastronomía (FGAR) aposta desde fai anos por un "megaproxecto" no monte Faro vinculado á astronomía, pero non unicamente. "Sería un atractivo turístico para Galicia que, como a catedral de Santiago, sería de transcendencia non solo nacional senón internacional" explica José Antonio Álvarez, vicepresidente de FGAR, quen relata que noutros puntos da xeografía nacional, como Levante ou Cataluña, existen desde fai tempo ofertas turísticas vencelladas á astronomía das características do gran observatorio proxectado para monte Faro, que conseguen atraer a milleiros de visitantes e, consecuentemente, xeran riqueza na súa contorna.

O proxecto ideado para monte Faro sería custoso economicamente. O investimento necesario acadaría os 6 millóns de euros. Existe moita documentación, vídeos, estudos e apoios da comunidade científica a este proxecto pero "o temor" das administracións, aseguran desde a FGAR, manteno paralizado.

"Pretendemos que sexa un lugar equipado para acoller unha oferta turística para a toda a familia, de maneira que aínda que o reclamo sexa a observación nocturna, ofreza actividades tamén durante o día, de maneira que se poida desfrutar do lugar por exemplo durante toda unha fin de semana" avanza o vicepresidente da FGAR. "Cremos que conseguiría dinamizar culturalmente a zona con visitas, divulgar a gastronomía, a paisaxe. Cada vez hai máis xente interesada na astronomía pero ás persoas que non coñecen este mundo, precisamente por descoñecemento, dálles medo a apostar por este proxecto" opina.

Ese "megaproxecto" incluiría un edificio de tres andares, dous deles soterrados e catro en superficie. A parte superior, na cúpula, acollería un telescopio dun metro de lente, e un radio telescopio incorporado co que poder traballar a nivel científico, con cabida para astrofísicos, con espazo para ou estudo desde as universidades e con espazo divulgativo para interesados a través de cursos. Ademais este proxecto estaría directamente ligado ó deporte, aproveitando as características do monte Faro para ofertar a práctica de parapente e ciclismo de montaña ( MTB), entre outros deportes vinculados á natureza e ao medio ambiente. Contemplaría tamén un apartado de museo con proxeccións, películas relacionadas coa astronomía.

Con todo, a FGAR advirte que non so lle parece axeitado o monte Faro para este proxecto, tamén habería outros dous emprazamentos válidos para este observatorio na xeografía galega: O Courel ou a Baixa Limia tamén reúnen as características para poder acollelo.

Monte Faro acollerá máis visitas guiadas con observación astronómica incluída para intensificar a divulgación da man da FGAR. "A que fixemos en agosto foi espectacular, ver desde arriba como, sen a penas difundilo, ían subindo coches ata ou monte pola pista, que está sen asfaltar, e semellaban vagalumes" lembra Álvarez.

Bicicletas e parapentes no mirador. // D. P.

Cesión por 30 anos

A Comunidade de Montes de San Salvador de Prado, que preside o único concelleiro socialista de Covelo, José Fernández Muradás, apoia o acondicionamento desta zona como observatorio astronómico e de feito os comuneiros xa cederon por 30 anos terreo comunal. Xa levan case unha década agardando a que o proxecto despegue. "Todo o que sexa bo para dinamizar a parroquia e esta zona vai ter o noso apoio" explica Muradás, quen detalla que "fai 7 ou 8 anos cedemos o terreo. Ó facer o parque eólico fixeron unha pista e sería unha zona morta, así que a nós non nos priva de nada ter cedido ese terreo sen que aínda se lle teña dado uso, aínda que nos gustaría poder ver feito realidade para o que se cedeu no seu día".

Parapente

Ademais de observatorio astronómico e miradoiro, o monte Faro é dos puntos de saída favoritos para os amantes do parapente. "Contemplar alá arriba un anoitecer é unha experiencia incrible, máis aínda para quen ten o privilexio de facelo voando en parapente" explica Marco Groba, un vigués parapentista e montañeiro.

"É un paraíso para os amantes do sendeirismo, o mountain bike, o parapente e a micoloxía. Aos seus pes discorre unha das carballeiras máis fermosas da provincia" sinala Groba, que tamén é xornalista e recomenda aos visitantes "que non se limiten a subir para facer a foto para o Instagram e que se informen dos recursos naturais, culturais e etnográficos da zona. A Serra do Suido sorprende moito e nunca defrauda. Ademais, a aldea de San Salvador de Prado é preciosa e no seu restaurante cómese de marabilla e barato" detalla.

O salón do mesón A Xestosa, en San Salvador de Prado, cheo de comensais. // D. P.

Gastronomía

A gastronomía que se ofrece nos arredores do monte Faro é un punto máis a favor para que moitos se animen a coñecer e regresar a este enclave con miradoiro e observatorio incluído. O gando que se cría en liberdade no monte ten un sabor moi valorado por os que o proban.

O restaurante máis próximo é o mesón A Xestosa, que recibe numerosos encargos, especialmente de carnes: cocidos, carnes á brasa, churrasco ou carrilleiras, ademais de pratos de caza ou lamprea, entre outras opcións. É un das alternativas recomendadas, tanto por veciños como por visitantes, pola súa comida substanciosa e barata.

Como chegar

O monte Faro atópase a pouco máis dunha hora da Praza de España de Vigo. Certamente as estradas rurais fan o camiño un pouco máis lento pero compénsano a paisaxe. Aínda que a pista final de acceso o Castelo de Faro é de terra, non está asfaltada, é ancha e está ben mantida ao ser precisamente a de acceso ao parque eólico.

Accédese pola estrada que une Covelo con Avión (Ourense). É necesario desviarse cara ao alto da serra a man dereita cara á Ermida da Virxe da Xestosa. Nas súas proximidades acaba a estrada asfaltada e sae a pista que da acceso ao parque eólico. Seguindo a sinalización chégase ao punto máis alto. É moi importante seguir a sinalización existente porque de non estar instalada sería doado coller outra pista posto que numerosas que unen aos muíños eólicos.