Se o Concello de Baiona festexa as vodas de prata da Festa da Arribada, o Monte Real Club de Yates celebra as de ouro do Campionato Galego de Optimist. Cincuenta anos despois, o club baionés reunirá esta fin de semana a máis de cen regatistas, nada que ver cos dezasete que participaron naquela primeira edición en 1970 na que, a bordo do "Canario" e o "Tortuga", os irmáns José e Javier de la Gándara resultaron gañadores, en primeira e segunda posición respectivamente.

A prensa daquel entón felicitou o club baionés por "contribuír a crear numerosos mozos patróns que no futuro van constituír as dotacións dos numerosos barcos de cruceiro cos que contan as unidades deportivas da ría de Vigo". E así foi, porque aqueles nenos son hoxe algúns dos destacados regatistas que navegan nas rías galegas.

Coa celebración do primeiro Campionato Galego de Optimist, o Monte Real Club de Yates deu, nos comezos da década dos setenta, o gran impulso cara a consolidación dunha clase de embarcación que chegaría a Galicia da man de Pepe Gándara, o pai do histórico Javier de la Gándara.

O primeiro Optimist que navegou en augas galegas no ano 68 chamouno "Don Andrés", en honra ó seu fillo pequeno. E no ano 69 xa había na baía baionesa quince unidades destes novos veleiros, coñecidos como os "Ferramentas" porque construíaos un carpinteiro de Ladeira coñecido por ese nome, con velas de nailon fabricadas nunha empresa de toldos de Vigo.

Tanto a Federación Española de Vela como a Federación Galega de Vela da época, presidida por José Ramón Fontán, axudaron á consolidación do Optimist en Galicia subvencionando a compra de numerosas unidades. Uns barcos que pasaron das 3.000 pesetas (uns 18 euros) dos primeiros "Ferramentas", ás 8.000 pesetas (uns 48 euros) que se pagaron polos de maior calidade e as 10.000 pesetas (60 euros) que costaban a principios dos setenta.

No ano 1971, tan so un ano despois da celebración do primeiro campionato galego de Optimist, nas competicións da clase en Baiona participaban preto dunha trintena de unidades, e non se tardou moito tempo máis en superar o 60 optimist. En Galicia roldaban os 200 optimist e na actualidade hai aproximadamente 400, dos cales participan en competicións oficiais ó redor de 120.

Os Optimist facíanse a imaxe e semellanza dos primeiros barcos deste tipo nacidos en Clearwater (Florida). Alí, en 1947, un grupo de nenos "regateaban" polas rúas de Clearwater con pequeñas caixas de xabón e unha vela que fabricaban eles mesmos. O alcalde da cidade decidiu prohibir esas regatas na rúa para no molestar á xente, pero reuniuse co deseñador de barcos Clark Mills, ó que pediu converter as caixas de xabón nun barco para nenos o máis barato posible.

E así foi como naceu o Optimist, o primeiro barco de vela cangrexa e un so tripulante que, co paso do tempo, foi adquirindo cada vez máis fama, tanto nacional como internacional. Aínda que foron evolucionando os materiais cos que se constrúe, a súa forma e a súa filosofía seguen intactas. Naceu como un barco sinxelo para nenos e, máis de medio século despois, ese propósito no mudou.