As postais turísticas dalgúns dos municipios que conforman a bisbarra comezan a non se entender sen a figura dos camiñantes que diariamente os atravesan. O seu obxectivo é chegar a Santiago de Compostela, pero, as veces, o traxecto é máis importante que o propio destino e as experiencias vividas polo camiño convérteno en inesquecible. Quizais sexa esa unha das claves que fan que o Camiño de Santiago gañe adeptos ano tras ano. En 2019 foron 347.578 persoas as que completaron algunha das rutas que acaban ós pés da catedral galega; 20.200 máis que no 2018. Un crecemento que avanza imparable cara o próximo Ano Santo.

Unha boa cantidade dos preto de 350.000 peregrinos que fixeron o Camiño de Santiago o ano pasado percorreron o Baixo Miño, o Val Miño e A Louriña. Concretamente máis de 100.000, se sumamos os que escolleron a xenuína ruta portuguesa e a súa variante pola costa. A maioría entraron a Galicia por Tui, aínda que, cada vez son máis os que prefiren comezar a ruta lusa do lado galego, posibilidade que brinda o municipio tudense, separado de Santiago polos 100 quilómetros necesarios para posuír a Compostelá. Sexa cal sexa o punto de inicio, o certo é que os romeiros que realizaron o Camiño Portugués primitivo en 2019 foron 72.357, 4.535 máis que no 2018; mentres que os que preferiron o Camiño pola Costa foron 22.292 persoas, 3.451 más que fai un ano.

Estas cifras consolidan a segunda posición do Camiño Portugués, solo por detrás do Camiño Francés, no que a afluencia de peregrinos se refire, e levanta á terceira posición ó Camiño Portugués pola Costa, que en só un ano pasou do sexto posto á ó terceiro chanzo do podio. As estampas costeiras son o estímulo que anima ós peregrinos a escoller este itinerario recoñecido oficialmente dende o ano 2016 e que entra en

Galicia dende A Guarda.

En canto ó resto de estatísticas, as tendencias mantéñense. A maioría dos peregrinos comezaron o Camiño en Sarria (96.124), aínda que tamén rexistraron una gran afluencia de camiñantes S. Jean P. Port (33.197), Oporto (27.924) e Tui (22.814). No caso do municipio tudense, cabe salientar que foi o segundo punto de partida preferido polos romeiros nos meses de xullo e agosto.

O bastón de axuda

Sobre o medio de transporte escollido para emprender o Camiño, segue impoñéndose o bastón como o elemento que axudou ó 94% dos peregrinos a realizar calquera das rutas a pé en 2019. Preto do 6% preferiron a bicicleta e menos dun 0,2% fixérono a cabalo. No referido a súa procedencia, na peregrinaxe nacional volveron a sobresaír os chegados de Andalucía, Madrid, Comunidade Valenciana, Cataluña e Galicia, e no internacional impuxéronse os italianos, alemáns, estadounidenses, portugueses, franceses e coreanos.

Estas cifras tan só son a antesala do que está por vir. O próximo ano Santo está a volta da esquina e, tal e como acontece en cada Xacobeo, prevese que a afluencia de peregrinos en 2021 se incremente considerablemente, convertido ós camiñantes que atravesan Tui, Porriño, A Guarda, Oia, Baiona ou Nigrán nun monumento máis do patrimonio inmaterial da bisbarra.

Monte Santa Trega

As iniciativas do programa "O Teu Xacobeo", impulsado pola Xunta para financiar proxectos de dinamización do Xacobeo 2021, seguen marcando a axenda dos municipios galegos ligados ó Camiño de Santiago. Un dos derradeiros estase a desenvolver na Guarda do título de "O Camiño Aguárdate", sendo a súa actividade principal unha reforestación do Monte Santa Trega.

Medio centenar de persoas, guardeses e veciños de localidades limítrofes, realizaron un tramo do Camiño Portugués pola Costa, entre a zona da Pasaxe, en Camposancos, ata a ladeira do Monte Santa Trega; itinerario durante o cal, en colaboración coa Asociación A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos, os participantes puideron coñecer diferentes elementos patrimoniais e naturais desta etapa do Camiño. Ademais, tamén foros coñecedores da problemática existente cas especies invasoras, polo que, o rematar a ruta, realizaron una dobre actividade de erradicación de plantas invasoras e reforestación de especies autóctonas. Cerdeiras, nogueiras, freixos, oliveiras ou castiñeiros foron algunhas das especies plantadas, habituais antigamente no Camiño.