"Somos Dous, Pablo Carrera e Fernando Abreu, un e dous", así tenden a presentar nos directos o seu proxecto de dúo de clarinete e guitarra, Dous.

Un orixinario de Salvaterra, o outro veciño de Nigrán, coñécense nunha colaboración para o primeiro disco de Mercedes Peón no ano 2000. "Foi Nacho Muñoz quen dixo, a esta canción- No me mires - quedaríalle ben o son dun clarinete baixo, e dixen, ese instrumento raro non sei de que vai", conta cun sorriso o guitarrista Pablo Carrera. "E como son as cousas que, a día de hoxe, podería estar no medio dun partido de fútbol con miles de persoas berrando, e o meu oído escoitaría o clarinete de Fer sen problema".

O xerme de Dous crece tras anos de improvisacións, primeiro xunto a Mercedes Peón, e logo en dúo, do que sae a relucir o seu primeiro álbum no 2008 "Só son sons", que ten un irmán, case agochado, co título de "No só son sons". Ambos os discos están marcados pola improvisación - Oh, Lucullus! - e o "deixarse levar pola música, sempre tentando que esta conte algo, que transmita, aínda que quen a escoite non saiba moi ben que entender", recalca o clarinetista Fernando Abreu.

Coas experiencias que viven nas arteterapias - talleres de crecemento persoal - nos que chegan a pasar máis de 8 ou 9 horas tocando xuntos durante máis de 10 días seguidos, Abreu e Carrera evolucionan para crear o seu segundo disco no 2012 que "obviamente, tiña que chamarse Dous". Cancións como 'Abanea' testemuñan esta evolución, se ven "Swingprovisando" aínda deixa ver o seu pasado de experimentación.

No seu último disco, "A viaxe de Yoyo" (2017) os músicos levan aos oíntes nunha "viaxe" polo mundo, onde un se pode trasladar a Brasil coa "Samba tutú" ou ata Venecia co seu "Baile de máscaras", se ben nesta "viaxe" están acompañados do contrabaixista Pablo Pérez e do batería Marcos Vázquez. Este álbum marca unha liña máis clara cara onde se dirixe o grupo, "aínda que as nosas composicións sempre están evolucionando, sobre todo nos directos".

A día de hoxe, Abreu e Carrera pensan no seu próximo traballo "o cal sería ideal de lanzar neste ano 2020, e ademais sería o álbum número catro, suma de dúas veces dous; en conclusión, un ano moi "Dous"". Pero queda moito traballo por diante, "xa que somos nós quen nos xestionamos todo: música, produción, financiación e demais, e iso desgasta moito á hora de compaxinalo coa nosa vida diaria".

Ambos mestres, un de música no IES de Salvaterra e outro a nivel particular, coinciden en que a súa relación é coma se fosen familia, "aínda que el é un cascarrabias", ri Carrera. Levar dez anos tocando xuntos poder semellar esgotador, pero "o importante é saber ter un espazo propio, tanto a nivel musical como persoal; os dous temos proxectos individuais propios, e iso fai que non se desgaste a relación", explica Abreu. A xenerosidade musical tamén é un factor clave, xa que "non sempre o clarinete leva a melodía, nin a guitarra a harmonía e os ritmos" e para exemplo, 'Instrumentos en las paredes' (Dous, 2012) que da o protagonismo a un "compañeiro especial" de Carrera, un charango con caixa de caparazón de tatú o cal tivo unha "pequena aventura" fai uns anos durante a Arribada.

"Fernado Abreu, clarinetes, e Pablo Carrera, guitarras", eles son Dous.