Pódese dicir que A Cañiza é por mérito propio a terra do xamón en Galicia, e o é por varios factores pero principalmente porque posúe un microclima especial, único e idóneo para a curación dos produtos cárnicos. Clima seco e frío, altitude ideal e temperatura adecuada, unha conxugación perfecta para que se curen no seu grao máis óptimo os mellores xamóns, lacóns, chourizos e salchichóns.

O xamón é sen dúbida o selo de identidade e o gran atractivo turístico desta vila, capital da comarca da Paradanta. O 15 de agosto é o seu día grande, celébrase a festa do xamón, declarada de Interese Turístico de Galicia, que este ano chega a súa 54 edición. Miles de racións, en diferentes especialidades, sérvense esa xornada na Carballeira do Cacharado que dende 2016 está presidida por unha escultura alegórica conmemorativa da tradición xamoneira deste municipio. Nove esferas superpostas xorden da terra simbolizando cada una das nove parroquias que, colocadas por orde alfabética, fúndense baixo o xamón da Cañiza, símbolo indiscutible da economía local dende 1820, ano no que se constitúe como tal este concello. E continuando no apartado gastronómico son tamén a destacar os cocidos cañicenses, que aínda que non teñan tanta fama como os xamóns, son cada vez máis as persoas que reservan mesa nos establecementos hostaleiros da vila para degustar este tradicional prato, do que este mesmo mes se celebrou a primeira edición dunha nova cita gastronómica e que se complementa tamén coa festa do lacón con petelo, produto que se obtén de amasar a fariña de millo na auga do caldo.

Pero A Cañiza ofrece moito máis que arte culinaria. Na zona coñecida como Carballo do Marco sitúase a maior parte da oferta turística de verán: o cámping municipal, as pistas de tenis, o pavillón polideportivo e a piscina ao aire libre de As Grades, que se complementa no inverno coa piscina municipal climatizada homologada pola Federación Galega de Natación.

En pleno casco urbano un pode descubrir tamén sendeiros e paseos como o do Regueiro, e elementos arquitectónicos como a fonte dos caños, construída en 1877 por orde do alcalde Francisco Vidal, convertida en parada de postas para descaso das dilixencias e pío onde bebían os animais.

O Cuartel museo do pintor Diego De Giráldez é outro dos lugares de obrigada visita na Cañiza. Esta edificación que preside a Praza Maior da vila acolle unha mostra monográfica da obra deste artista cañicense. Ao longo de 1.500 metros lineais de exposición pódese contemplar, coñecer e admirar os prolíficos traballos deste escultor e anatomista de renome, creador do realismo NAS, acepción coa que se coñece a súa pintura e que acadou un posto significativo dentro da pintura contemporánea española.

As rutas de sendeirismo e os miradoiros son tamén un bo xeito de coñecer A Cañiza. Podemos percorrer a ruta das Fragas e a das Levadas, dos ríos Calvo e Deva, e o sendeiro do rio Ribadil e logo visitar, para desfrutar das súas vistas, a Fonte do Anxo, Vía Crucis, Alto da Cruz, Miradores de Paradanta, Coto da Vella e o Neveiro dos Frades e o propio Santuario da Franqueira.

Por outra banda, son numerosas as igrexas e capelas espalladas polas diferentes parroquias, así como tamén os pazos e casas señoriais, os petos de ánimas, cruceiros, pontes e muíños de auga que conforman o patrimonio histórico e cultural da Cañiza.