Navegación tradicional
Volta á Arousa: a nai de todas as regatas
A saída volverá a vivirse desde o peirao do Cantiño a partires das 16.00 horas deste sábado

Varias dornas durante a saída da edición número 40 da Volta á Arousa / Iñaki Abella
Foi a primeira regata de dornas a vela e converteuse, desde ese momento, nun dos grandes referentes da navegación tradicional. A Volta á Arousa celébrase este sábado, a partires das 16.00 horas e, como a cuadraxésima edición que se celebrou en 2025, a saída será desde o peirao do Cantiño. Participarán preto de medio cento de dornas que terán por diante unhas tres horas de navegación nun percorrido arredor da Arousa no que pode acontecer practicamente calquera cousa, desde unha encalmada a fortes refachos de vento, situacións nas que se verá o bo facer dos patróns. O ano pasado foi «Selosa» a que se levou o premio de cruzar na primeira posición a liña de meta e este año está aínda por ver quen o acadará.
O Cantiño, corazón mariñeiro da Illa de Arousa, continúa a ser un dos mellores lugares para vivir o ambiente da saída e da chegada das embarcacións. Ademais, a renovada contorna do barrio do Naval, dotada de bancos e dun miradoiro privilexiado sobre toda a abra do Cantiño, convértese nun espazo excepcional para seguir o desenvolvemento da regata e gozar dun dos momentos máis espectaculares da navegación tradicional galega. É tamén o lugar onde os mariñeiros máis veteranos continúan compartindo a súa experiencia, observando as manobras e ofrecendo algún consello ás novas xeracións de navegantes.
Para Héctor Suárez, director da Escola de Navegación Tradicional, «a Volta á Arousa é moito máis ca unha regata. É unha forma de manter vivo o noso patrimonio marítimo e de reunir arredor del a toda unha comunidade. Recuperar a saída desde o Cantiño e facelo co sistema tradicional supón volver ás nosas orixes e reivindicar a maneira na que sempre se navegou na ría».

Manuel Suárez, Héctor Suárez e Luis Arosa na presentación da 41 edición da Volta á Arousa. / FdV
Segundo Suárez, «cada embarcación leva consigo unha historia e cada edición demostra que a navegación tradicional segue máis viva ca nunca. O máis importante é ver como conviven mariñeiros veteranos e novas tripulacións, compartindo coñecementos e facendo que este patrimonio continúe navegando cara ao futuro».
Baixo o lema «Onde o mundo se chama Volta á Arousa», a organización convida á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao porto para vivir unha xornada na que tradición, mar e cultura volverán darse a man.
Ao remate da regata celebraranse os tradicionais petiscos na contorna do barrio do Naval. A entrega de trofeos terá lugar na Praza do Portiño, nun acto organizado en colaboración coa programación do Orgullo impulsada polo colectivo Polari, unindo patrimonio marítimo, diversidade, cultura e convivencia nunha mesma celebración aberta a toda a cidadanía.
Suscríbete para seguir leyendo
- El último verano del Carrito que endulzó Vilagarcía durante 60 años
- Muere Chema Pedrouzo, exvicepresidente de los comerciantes de Vilagarcía
- Los conciertos estrella de las fiestas de San Roque de Vilagarcía cuestan 114.900 euros
- Un accidente múltiple obliga a cortar al tráfico cuatro horas la PO-548 a su paso por Catoira
- Hasta 14 euros la hora y con coche: O Salnés acelera la búsqueda de trabajadores para la vendimia
- A Illa pide responsabilidad tras la larga estela de basura que dejó el Carnavrán
- La Policía Local de Vilagarcía denuncia a ocho conductores por diferentes infracciones
- El sector turístico de O Grove ya se codea con las estrellas