Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tribuna libre

O futuro de Vilagarcía escríbese mirando ao mar

Alberto Varela, no centro, o día da apertura da nova zona verde do Ramal.

Alberto Varela, no centro, o día da apertura da nova zona verde do Ramal. / Iñaki Abella

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Alberto Varela

Hai momentos na historia dunha cidade que marcan un antes e un despois. Vilagarcía está a vivir un deles. A actuación no Ramal mellora a conexión da cidade, a través do parque Miguel Hernández, co paseo e a praia, e supón a recuperación dun espazo central na configuración da nosa fachada marítima. Un novo paso no que Vilagarcía busca reconciliarse co mar e recuperar unha zona para desfrute de todos e todas.

Estamos diante dunha transformación total, dun modelo de cidade que redefine a nosa relación co mar, creando unha nova zona verde, nun lugar aberto e sen barreiras arquitectónicas, e que nos converte nunha cidade máis moderna, máis preparada para facer fronte ao cambio climático e máis atractiva para vivir.

Mais a unión do parque Miguel Hernández coa praia non é o punto final. É o comezo da nova configuración da nosa fachada marítima. A próxima parada é a actuación no peirao do Ramal para seguir avanzando na apertura definitiva de Vilagarcía ao mar.

Un neno fotografía o estanque da nova zona verde do Ramal.

Un neno fotografía o estanque da nova zona verde do Ramal. / Iñaki Abella

Non tería sentido deternos agora, cando xa demostramos que é posible transformar espazos antes infrautilizados en lugares de encontro, convivencia e novas oportunidades. E, para iso, xa contamos coa financiación a fin de demoler as primeiras naves.

Ademais, existe un amplo consenso cidadán sobre a necesidade de continuar este camiño. A sociedade vilagarciá leva anos reclamando unha maior integración entre a cidade e a súa fronte marítima. Hoxe podemos facelo e non deberíamos deixar escapar esta oportunidade, porque xa non hai volta atrás.

En consecuencia, este non é o momento de poñer atrancos, senón de sumar esforzos. Quen, por acción, omisión ou silencio, se opoña ou dificulte a apertura de Vilagarcía ao mar estará demostrando que carece de compromiso coa súa cidade e, sobre todo, que non ten un proxecto de futuro para ela.

As cidades que progresan son as que pensan a longo prazo. Son as que entenden que os investimentos estratéxicos xeran riqueza, dinamizan a economía e melloran a vida das xeracións presentes e futuras. O deber dos servidores públicos é culminar unha transformación que xa está en marcha, que forma parte dos anhelos da cidade e que, polo tanto, conta co seu apoio.

Sería un erro imperdoable que se puxeran obstáculos para facelo realidade. Nós queremos e traballamos para que as ideas se tornen en feitos. O futuro de Vilagarcía de Arousa nunca máis se escribirá de costas ao mar.

Alberto Varela é o alcalde de Vilagarcía de Arousa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents