Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura galega

Pésdebarro celebra dez anos de Folk no Alobre no Castriño

Folk no Alobre cumpre dez edicións este domingo no parque de O Castriño cunha proposta que Pésdebarro entende como unha romaría aberta: música, baile, artesanía, xogos e xantar popular para celebrar a cultura galega desde a convivencia, sen présas nin formato de macrofestival, e con alternativas para todas as idades

Compoñentes de Pésdebarro.

Compoñentes de Pésdebarro. / Iñaki Abella

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vilagarcía

Folk no Alobre chega este domingo ao parque de O Castriño coa vontade de abrir o verán cultural de Vilagarcía sen perder o espírito co que naceu hai dez anos: unha celebración próxima, participativa e arredor da cultura tradicional. A asociación Pésdebarro, organizadora coa colaboración do Concello, adianta a cita dous meses, pero mantén a esencia dunha xornada pensada para cantar, bailar e facer comunidade.

Detrás do festival está unha entidade nada en 2011 a partir das aulas municipais de danzas do mundo e tradicionais. «Arrancamos con Pésdebarro para continuar con aquelas escolas», lembra Xosé Lois Domínguez, «Lucio», presidente e cofundador dun colectivo que hoxe reúne arredor de 15 ou 16 persoas. A palabra presidente queda curta para explicar a súa maneira de traballar. «Funcionamos como un equipo. Todo se fai por asemblea», resume.

Pésdebarro reivindica a lingua e a cultura galega desde unha práctica aberta, sen límites de idade nin de coñecementos. Mantén durante o ano obradoiros de canto, percusión, voz, baile ou fabricación de instrumentos con elementos naturais. «Primamos a calidade á cantidade. Interésanos moito máis a convivencia», explica Lucio. Esa filosofía define tamén o Folk no Alobre, que pasou de ter que explicar quen eran a recibir propostas de grupos que queren actuar. «Non queremos ser un macrofestival, senón algo ao longo dun día e moi próximo», sinala.

A programación comezará ás 11.00 horas na Praza da Ravella co roteiro As peñas no Alobre, con Xurxo Souto e Os Demos da Petaca. Ás 13.00 será a sesión vermú con Brais das Hortas e ás 14.00 o xantar popular. Pola tarde haberá obradoiro de baile solto, foliadas, artesanía, xogos populares e concertos das Pandereteiras de Pésdebarro, Os Demos da Petaca, Pesdelán e Os Carunchos. A foliada libre pechará unha festa para desfrutar «cada quen á súa maneira».

Tracking Pixel Contents