Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Irene Lourido Escritora e xornalista

«A enfermidade é o escenario da novela, pero a protagonista é a vida»

A xornalista Irene Lourido presenta este sábado en Pontevedra «O lado nobre», historia gañadora do premio Cidade Centenaria de Ribeira

A xornalista e escritora Irene Lourido.

A xornalista e escritora Irene Lourido. / Miguel Méndez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Pontevedra

A xornalista Irene Lourido (Pontevedra, 1976) pasou tres meses ao carón dunha cama de hospital, coidando ao seu pai doente, en 2024. Durante semanas, ambos os dous compartiron medos, incertidumes, preguntas, pero tamén recordos cargados de tenrura, esperanzas e ata momentos de humor. Esa longa estadía hospitalaria é o xerme de «O lado nobre», unha conmovedora historia coa que Irene Lourido gañou a décima edición do premio de novela curta Cidade de Ribeira. A autora estará a partir das 19.15 horas deste sábado na Festa dos Libros, na Praza da Ferrería de Pontevedra, falando de incertezas cotiás na compaña das tamén escritoras María Solar e Victoria Pinal.

Cambioulle moito a maneira de mirar o mundo cando se viu a si mesma coidando de seu pai no hospital sen saber sequera cando lle darían a alta?

Moitas veces pensamos que a vida vai cambiar en grandes momentos. Pero a vida cambia un martes ou un mércores calquera, porque recibes unha chamada ou che dan os resultados dunha proba. E neses momentos é cando empezas a valorar moitas cousas que antes dabas por sentadas e que a partir dese intre empezas a poñer en valor porque non sabes cando van durar. O que queres a partir de aí é almorzar con alguén, xogar unha partida de cartas, dar un paseo, sentarte nun sofá con alguén, botar unhas risas... Cousas pequeniñas que realmente son a vida. Cando hai unha enfermidade polo medio, é cando empezas a aplicar esa fórmula, pero é algo que deberíamos facer sempre. Vamos a valorar onde estamos e estar moi presentes no que estamos facendo. E creo que no libro, ainda que de trasfondo haxa unha enfermidade, casi poderíamos decir que esa enfermidade é o escenario, pero que realmente despois a protagonista da novela é a vida.

A novela xurdiu nese cuarto de hospital ou apareceu máis tarde?

Apareceu máis tarde. Na habitación do hospital empecei a escribir como desafogo, para poñer en orde emocións e pensamentos. Despois, o propósito foi mudando e acabou sendo un xeito de canalizar a dor, de darlle forma á dor. Foi moito máis adiante, cando xa tiña bastante escrito, cando me dixen a min mesma que me apetecía que aquilo chegase a algo, que medrase, que se convertese en algo.

Vostede leva moitos anos escribindo para si mesma. Que fixo que nesta ocasión decidise expoñerse ao público?

Por unha parte era una pretensión persoal, como facerlle unha homenaxe a meu pai. El fora un gran lector, e parecíame algo bonito que acabara convertido na personaxe dun libro. Pero creo que tamén o fixen por un certo propósito social. Porque na novela fálase de situacións que vivimos ou que imos vivir case todos: os coidados, a sanidade, a dependencia...

Poucas cousas hai máis humanas que a enfermidade e que coidar dos enfermos. Sen embargo, hai moi pouca literatura sobre a enfermidade. Por que?

A priori non semella un asunto moi atractivo... Cando nos enfrontamos a situacións dolorosas, todos nos volvemos fráxiles, non só os enfermos, tamén os que acompañan aos enfermos, aínda que traten de aparentar fortaleza. Son temas duros, que removen moitas cousas dentro de unha. E hai situacións sobre as que hai que escribir cando as sintes, cando as vives, se queres conectar cos demais.

A protagonista amosa as súas emocións máis persoais, sen disimular a súa vulnerabilidade. Custoulle máis dar o paso de publicar por ser vostede unha persoa moi coñecida polo seu traballo?

Non, todas as persoas podemos ser vulnerables e fráxiles. Tamén as persoas coñecidas poden pasar por este tipo de situacións.

Consiguiu escribir un libro cheo de tenrura e de esperanza a partir dun momento desgarrador. É posible aprender algo da enfermidade dun pai?

Podemos aprender sobre a importancia das persoas, da humanidade. Estamos nun momento no que estamos rodeados de cifras, de listas de agarda, de seguidores en redes sociais... E non nos damos conta de que detrás de cada número hai unha persoa coa súa historia, coa súa vida... Hai alguén que está sentindo medo, e alguén que está acompañando a esa persoa para que pase menos medo. Unha das grandes aprendizaxes desta experiencia, ademáis de valorar máis os momentos, é que non deberiamos permitir que as persoas nos convirtamos só nun número.

Leva moitos anos escribindo para vostede. Pubicaría un texto inédito de hai anos se tivese a calidade literaria suficiente pero xa non se identificase con el?

Aí hai cousas que escribín con 15 anos, con 20, con 30... E independentemente de que poida haber cousas rescatables, seguramente serían publicables hai 15 ou 20 anos, pero igual agora para min xa non o son, porque non me aportan o que me aportaron daquela ou xa non me idenfico con elas. Igual me apetece máis escribir outras cousas e non tanto tirar por aí.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents