Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Homenaxe

Música, literatura e feminismo en lembranza de Begoña Caamaño na Illa

O lugar onde se refuxiaba a escritora réndelle culto da man da cantante Uxía e coa colaboración do Concello

Presentación do acto de homenaxe a Begoña Caamaño na Illa

Presentación do acto de homenaxe a Begoña Caamaño na Illa / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vilanova

Será os días 20 e 21 de xuño e será na memoria da escritora que mereceu ser recoñecida co Día das Letras Galegas este ano, Begoña Caamaño. A Illa vai a converterse nun espazo de encontro, memoria e celebración arredor da figura dunha autora, xornalista e referente fundamental do feminismo galego. Baixo o título «Begoña nas illas: de Eea e Ávalon á Illa de Arousa», o evento reunirá voces da literatura, da música, da creación artística para revindicar o seu legado, que foi capaz de abrir camiños coa palabra e o pensamento libre.

A actividade conta coa colaboración das concellerías de Cultura, Educación e Igualdade do Concello da Illa, así como coa presenza de varias creadoras amigas de Begoña Caamaño, que propoñen unha viaxe pola xeografía real e simbólica da súa vida e da súa obra. Unha desas promotoras desta lembranza é a cantante Uxía quer explica que «desde as illas míticas de Eea e Ávalon ata a Illa de Arousa, trazaremos unha viaxe pola xeografía real e simbólica que atravesa a súa obra e a súa vida. Un encontro para compartir memoria, literatura, música e afectos; para celebrar as redes de sororidade e as voces que, como a de Begoña, continúan inspirándonos a construír un mundo máis libre e máis xusto».

O programa arrancará o venres 20 de xuño cun roteiro á tardiña polos espazos da Illa vinculados á memoria de Begoña Caamaño. A ruta, guiada por Paula Carballeira, Rosa Bugallo, Lidia Luna, Helena Domínguez, Nito Dios e Uxía Senlle, percorrerá diferentes recunchos da Illa desde a Comboa ata o Faro de Punta Cabalo. A xornada do sábado 21 abrirase coa inauguración no Centro de Interpretación da Conserva da exposición da ilustradora Viki Rivadulla, autora das imaxes do libro-CD de Uxía «Indómitas: Nove ondas a Begoña Caamaño», acompañada dunha charla musical titulada Na Casiña da Comboa. As illas de Begoña: de Eea e Ávalon á Arousa, coa participación de Uxía, A Pedreira e traballadoras da conserva da Illa. A mediodía haberá tamén unha sesión vermú coa Foliada das Amigas, e pola tarde terá lugar a presentación do libro «Arte menor» de Susana Aríns, reivindicación do traballo comunitario e dunha tradición viva coas protagonistas: as 7 Mulheres d’O Lughar.

O acto central terá lugar ao serán no Xardín das Traballadoras da Conserva, arredor do Magnolio dos Atrapasoños, coincidindo co Día Europeo da Música e co Solsticio de Verán. O recital poético-musical reunirá a Uxía, As Mosas, Mercedes Peón, Bea Caamaño, Ana Romaní, Alba María, Andrea Nunes, Lidia Luna, Paula Carballeira, Mónica Caamaño e Larraitz Urruzola, acompañadas musicalmente por Bleuenn Le Friec, Sabela Dacal e Rafa Otero. Voces diversas uniranse así para homenaxear a Begoña desde a emoción, a palabra e o canto, nun espazo simbólico de memoria, desexo e esperanza compartida. O encontro rematará cun brinde colectivo no Bar O Museo, onde se servirá o cóctel «Begoñísima», creado por Tereixa L. C. como xesto de amizade e celebración da vida.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents