Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas

Arousa festexa polo tesouro dun pobo e alza a voz para darlle «unha longa vida»

As rúas e prazas enchéronse hoxe con todo tipo de manifestacións artísticas e culturais e tamén con berros de reivindicación para festexar o tesouro dunha lingua propia e reclamar para ela unha longa vida

O Concello da Illa de Arousa e a ACD Dorna organizaron unha xornada de música e baile tradicional para festexar o Día das Letras Galegas

Iñaki Abella

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Arousa

Arousa festexou hoxe o Día das Letras Galegas enchendo rúas e prazas con todo tipo de manifestacións artísticas e culturais e tamén con berros de reivindicación, como na Illa, onde poden sacar peito, pero non son inmunes á preocupante caída de galegofalantes.

«Os nenos non o falan ou o que é peor, non están en condicións de falalo, así que facemos un chamamento para que a xente eduque na lingua galega porque é un tesouro e non pecha portas, senón que as abre e lles dará seguridade aos máis novos de ter unhas raíces para andar polo mundo», expuxo a pregoeira deste ano, Helena Domínguez.

Nesta vila, a navegación tradicional galega serviu de fío condutor para os festexos, pois o seu léxico, dende a onomástica naval ata a máis pequena peza dunha embarcación, a denominación dos cons do mar ou das ferramentas e técnicas empregadas na carpintería de ribeira representan a riqueza da expresión propia dun pobo

Así que, un ano máis, non faltou a botadura da asociación Dorna tras meses de restauración da «D´Chola» e «Caprichosa», aínda que esta última está pendente dalgúns detalles e aínda non puido tocar auga.

Non son nomes produto do azar, teñen un significado para os isleños que as doaron a esta entidade, a cal xa conta cunhas 40 embarcacións, incluíndo as apradiñadas. Máis concretamente, son alcumes que «tamén con un patrimonio inmaterial, un sistema de identificación infalible porque Benito Dios y Francisco Otero… Cantos hai na Illa?», exclamou a tamén mestra e investigadora.

Acto das Letras na Illa.

Acto das Letras na Illa. / Iñaki Abella

No caso da segunda, vén dalgo tan sinxelo como que Os Berrechos, a familia de Mari, a súa anterior dona, rexentou durante moitos anos a cafetería Caprichos. E en canto á outra dorna, Domínguez desvelou un segredo para moitos e activou un recordo para algúns, pois un día, cando o seu anterior patrón era un neno, tivo a idea de ouriñar sobre unhas vieiras abertas no Chazo, pero unha pechouse e acabou correndo pola praia chorando pola súa «picholiña» que, co paso do tempo, quedou en Chola.

E así, no porto do Xufre, incháronse velas como peitos de orgullo «polo legado dos nosos antergos, que temos a responsabilidade e a obriga de perpetuar», e con desexos de «longa vida á lingua galega» entre aplausos dos asistentes a este programa especial, que chegaron en pasarrúas tras gozar de actuacións na praza do Regueiro.

A música e o baile foron unha constante durante toda a xornada nas comarcas do Salnés e do Ullán. Como en Cambados, coa Banda de Música de Castrelo. Ou en Vilagarcía, que inaugurou exposición no Gato Negro e celebrou o acto central coa ofrenda floral realizada polo alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, diante do monumento a Rosalía de Castro.

Asistentes á xuntanza dos muíños de Currás, en Vilanova.

Asistentes á xuntanza dos muíños de Currás, en Vilanova. / Iñaki Abella

Un símbolo, como Begoña Caamaño, a escritora, xornalista e activista á que se lle dedican as Letras deste ano e cuxa memoria estivo presente en todos os actos. Nestes días tamén centrou outras actividades como a interesante e emotiva charla sobre a súa figura e legado ofrecida por Antonio Italiani aos usuarios de Vellos Tempos do Grove.

Unha das protagonistas da festa na vila meca foi a Asociación Cantodorxo, cunha nova edición da súa homenaxe ás Letras que sempre aproveita para celebrar a boa saúde dunha entidade con máis dun centro de alumnos dos cales, case todos son de baile e música tradicional galega.

Onte amosaron na praza do Corgo o seu bo facer as «Barceliñas», «Lousiñas», «Paxareiras», «Ruliñas», «Raeiras», «Cantodorxiñas», «Moreiras» e o grupo da escola de gaitas. Artistas de idades comprendidas entre os tres e os 60 anos que logo recuperaron forzas cun picoteo e que, coma sempre, repartiron un agasallo que nesta ocasión foi uha camiseta conmemorativa.

Asistentes á ofrenda floral de Vilagarcía.

Asistentes á ofrenda floral de Vilagarcía. / Iñaki Abella

Sen esquecer as feiras do libro de Nobel e Edigroves con descontos pola compra de libros en galego e un mercadiño de oportunidades e un obradoiro de artesanía no segundo caso.

Ademais, en Vilanova tivo lugar a V Xuntanza dos Muíños de Currás no que grupos de amigos e familias reuníronse para gozar dunha comida campestre organizada polo Concello neste entorno de enorme valor etnográfico e paisaxístico da vila.

E no caso da Illa, Dorna tamén aproveitou para entregarlle a bandeira gañada en Cabo de Cruz a Xabi Pena e Uxío Allo, os profesores do curso de vogar que impartiron este ano. Foi nos momentos previos ao bautismo de mar das novas dornas dese exército pacifista na defensa do galego.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents