Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Javier García Escritor

«Vivimos nunha sociedade pornográfica, na que se ensina toda a nosa vida»

«A poesía permíteme darlle moitas voltas á cabeza, permiteme estar nun proceso de reflexión constante»

Javier García amosa o seu último poemario, «Tríade Tétrica»

Javier García amosa o seu último poemario, «Tríade Tétrica» / FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Illa

Mestre de profesión e de vocación, exercendo no CEIP As Covas de Meaño, Javier García tamén ten outra paixón, a poesía, unha paixón que lle levou a sacar o seu segundo poemario, «Tríade Tétrica», que se presentará o vindeiro venres no salón de plenos do Concello da Illa, a súa terra natal. Será a partires das 19.00 horas e alí abordará cuestións como o proceso que o levou a crear este poemario, un proceso que se alongou durante varios anos e que provén de analizar toda a realidade que nos rodea.

«Tríade Tétrica» é o titular da súa nova obra. Agocha algún significado ese título?

Tríade porque é un conxunto de tres cousas e tétrica porque induce ao abatemento social. Non me gusta utilizar a palabra tristura, pero si abatemento vista sempre esa palabra desde unha perspectiva construtiva. O obxectivo final é que, a partir das palabras, sexamos capaces de facer outros camiños na deriva da nosa vida e que faga pensar a aquel que se achegue a estas verbas.

Que influencias se deixan traslucir neste novo poemario?

Bebo de moitos sitios, de poetas, de filósofos, de ensaios, ... Naceu cargado de imaxes poéticas ás que lle poñía verbas e remata con verbas poéticas ás que lle poño algunha imaxe. Pasou por verbas e debuxos sonoros que definían o noso día a día a converterse en sons poetizados sen debuxos. E rematou con formatos poéticos extravagantes onde a clave non é nin os sons, nin os debuxos, nin as verbas senón o significado de todas elas. Un editor co que o compartín fai tempo díxome: quítalle todo. Deixa só a palabra escrita e que cada quen reflexione sobre o que escrebes sen necesidade de poñerllo á vista en forma de imaxe.

Resultou complicado o proceso de creación?

Foi complicado e longo. Comezou hai varios anos e estivo gardado no ordenador e, ao facer limpeza, decidín que non só tiña que conservalo, senon que tamén tiña que compartilo. O poemario está estruturado en tres partes. A primeira chámase «evidencias»e define aquelas que guían as nosas vidas. Vivimos nunha sociedade pornográfica na que ensinamos todo. Colgamos nas redes o prato de comida, o concerto ao que imos e todo aquilo que facemos, pero todo isto tamén é unha evidencia de que estamos moi sós aínda que non nos demos conta porque vivimos a toda velocidade. Todo isto supuxo un traballo intenso de reflexión do máis profundo das accións humanas. A segunda parte do libro son os onomatopoemas, nos que recollo sons cotiás e utilízoos para que o lector reflexione sobre o ruido e o balbordo que o rodea. A partir das evidencias anteriores ten que haber sons que activen todas as alarmas para espertarnos da sociedade na que vivimos. O final do poemario céntrase no cotián, naqueles pequenos actos que facemos a diario que, son nos que nacen os cambios, as revolucións, porque cambian o teu ser. Isto nace da idea de Eduardo Galeano que dicía que «xente pequena facendo cousas pequenas pode cambiar o mundo».

O poemario induce ao abatemento, pero é aí onde xurden os procesos das revolucións, nacen cando a sociedade esta cansada

Javier García

É posible pasar do abatemento á revolución?

O poemario induce ao abatemento, pero é aí onde xurden os procesos das revolucións, nacen cando a sociedade esta cansada. Ás veces hai que comezar polas cousas máis miúdas para camiñar cara un cambio. Este poemario é unha delas porque nace para que a xente pense pero é un pequeno acto para que nenos e familias con cancro en Galicia teñan máis recursos e axudas. Por iso mesmo me atrevín a publicalo.

Ao igual que o seu primeiro poemario, este tamén ten un obxectivo solidario

Na presentación que se fará na illa o importe íntegro, os once euros, irán para Asanog, unha entidade que axuda a nenos e mozos que sufren cancro en Galicia, céntrase en tentar que estes rapaces poidan mellorar a súa calidade de vida. Traballei nun proxecto de oncoloxía pediátrica co Álvaro Cunqueiro cando estaba no CEIP Viñagrande de Deiro co obxectivo de que o alumnado hospitalizado puidese realizar as mesmas tarefas que os seus compañeiros e sentirse como se estivese na aula físicamente. Aquel proxecto acabouse coa marcha de Julio García Comesaña, que acabaría sendo conselleiro de Sandade, e quedoume un pouco o resquemor de que o proxecto non puidese continuar, por iso esta colaboración agora é o meu pequeno acto social para tentar cambiar as cousas.

É o seu segundo libro de poesía, é onde se sinte máis cómodo á hora de manexar a linguaxe?

A poesía permíteme darlle moitas voltas á cabeza. É aquilo que me permite reflexionar de forma máis profunda sobre calquera cuestión, sexa ideolóxica, social ou persoal. A poesía permite estar nun proceso de reflexión constante. De todas formas, tamén exploro a narrativa, teño relatos tanto para adultos como para nenos, e agora estou embarcado nun ensaio sobre como é o proceso para transformar un centro educativo. Sen embargo, teño que reiterar que a poesía é no proceso creativo no que me sinto máis cómodo, permíteme estar horas reflexionando, algo no que me sinto cómodo. Son unha persoa que reflexiona sobre realidades, como que vivimos nun mundo hiperconectado pero sentímonos sós. Por porche un exemplo, para facer catro versos, estiven absorto durante horas, comigo mesmo. A verdade é que este é un poemario que se le moi fácil e que ten un limiar escrito por Manuel Seixas, ao que lle estou moi agradecido.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents