Xa nas librarías
Antonio L. Gómez Charlín, escritor de Cambados: «Na miña última obra intento atrapar o tempo coa beleza das palabras»
O paso do tempo é unha das «obsesións persoais e literarias» do autor cambadés Antonio L. Gómez Charlín e así queda reflectido na súa décimo segunda obra, «El lenguaje perdido de las nubes», que xa está nas librarías, naceu na pandemia e que atravesa diferentes xéneros

O escritor cambadés coa súa última obra. / Iñaki Abella
Os seguidores de Antonio L. Gómez Charlín xa estaban preocupados tras case catro anos sen novidades deste prolífico autor, pero o tempo de espera rematou recentemente coa publicación da súa nova obra, a décimo segunda: «El lenguaje perdido de las nubes».
Trátase dun auténtico reto literario de 534 páxinas nuns tempos nos que a literatura lixeira, que non mala, ocupa as preferencias dos lectores. «Artefacto literario», chámalle el a esta obra que naceu na pandemia e que atravesa diferentes xéneros, dende a dramaturxia ata o epistolar, pasando por un conxunto de relatos que recorren mil anos de historia da humnidade; un compendio cunha esencia común: «Intento atrapar o tempo coa beleza das palabras. O paso do tempo é unha das miñas obsesións persoais e literarias». A súa vila natal, Cambados «é unha personaxe máis», e non faltan as homenaxes ao seu pai e ao seu mestre, o desaparecido Luís Rei, cos seus encontros na biblioteca.
Gómez Charlín é un autor que pulsa a rúa de maneira constante e, de feito, escribe en bares e terrazas, converténdose en testemuña do transitar existencial que, no caso desta obra, enmárcase na pandemia e por iso está cargada de momentos cotiás, pero que adquiren outra dimensión cando se encadran nunha situación de confinamento e restricións como a vivida. «Gustaríame que cando non estea vivo, un rapaz de Cambados lea o libro como unha crónica dun tempo que eles non viviron, pero que, a través desta lectura, sexan capaces de revivilo, porque tamén ten moito de crónica xornalística. O historiador e o xornalista contan o que pasou e o escritor dá conta do que se sentiu», resume.
O cambadés recoñece que nunca pensou estenderse tanto no tempo e na forma con «El lenguaje perdido de las nubes», que tardou catro anos en ver a luz. «Nunca planifico un libro, vou pouco a pouco, como unha formiguiña, pero sen présa. Ninguén me apura porque non vivo disto», explica.
Tampouco pensa no lector, pero aínda así, «teño unha forma moi peculiar de escribir e cando termino sempre penso: A quen carallo lle vai interesar isto? E neste caso é un libro moi persoal, pero estánme chegando comentarios moi positivos da xente que é boa lectora e algún inimigo literario incluso agachou a cabeza. Case roza o milagre que sexa alguén así o que che diga que o fixeches ben».
O pai doutras obras como «Nagasaki» ou «Réquiem por un escritor desconocido» xa ten en mente a próxima porque, aínda que «cando remato unha penso que non vou volver a escribir», para el, é como respirar; non pode deixar de ocupar as páxinas en blanco dos cadernos que sempre leva consigo. Así que «cando me dou de conta, xa teño outra, pero dunha forma moi natural. Non podes forzar escribir un libro», engade, destacando a súa innata fluidez narrativa.
A obra de Gómez Charlín pode comprarse nas librarías Contos de Cambados, Nobel de Vilanova, en Amazon e coa súa editorial, La Rueca, de Madrid, chega a Estados Unidos, México e Arxentina.
Suscríbete para seguir leyendo
- Herido grave el tripulante de una dorna arrollado por una embarcación rápida en O Grove
- El rey emérito almuerza empanada de chocos, tortilla y mero a la brasa en Meaño
- «El Corte Inglés de Cambados» busca nueva vida en grandes multinacionales
- A Illa de Arousa tendrá un camping privado para autocaravanas con capacidad de 80 vehículos
- Trasladan a Moaña un remolcador de 56 años abandonado en Vilagarcía
- Una trabajadora de CC OO, herida en la sede vilagarciana del sindicato tras una «discusión»
- Atlantic Fest completa el cartel de su décimo aniversario
- Adiós a Maluca Durán, la fundadora del emblemático restaurante Posta do Sol de Cambados