Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura

A condena de ser muller na aldea

A bióloga Marisa Castro acadou un gran éxito coa súa primeira novela, «A saga das curandeiras». Agora regresa á narrativa con «Soño de liberdade», obra que presenta mañá en Vilagarcía

A investigadora e escritora Marisa Castro. | FDV

A investigadora e escritora Marisa Castro. | FDV

Vilagarcía

Sabela Couto non ía ter moitas oportunidades na vida. Porque nacer muller na casa duns labregos do interior da provincia de Lugo nos anos da fame que seguiron á Guerra Civil non podía presaxiar nada bo. E, sen embargo, foi quen de rachar ese círculo de submisión e pobreza ao que, aparentemente, estaba predestinada. Como o fixo? Ese é o miolo de «Soño de liberdade», unha novela da investigadora luguesa Marisa Castro Cerceda, que se presenta mañá xoves en Vilagarcía de Arousa.

Marisa Castro é doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela e traballou durante tres décadas como docente na Universidade de Vigo. Experta en micoloxía, durante anos escribiu obras de divulgación científica. Pero tiña outra voz dentro, que daría o seu froito en 2023, cando publicou «A saga das curandeiras», a súa primeira novela. A obra tivo tanto éxito, con edicións en galego e castelán, e cinco reimpresións, que Marisa Castro decidiu recuncar na ficción.

«Soño de liberdade» (publicada por Hércules de Ediciones) é a súa segunda novela e, dalgún modo, prosigue o camiño espacio-temporal iniciado no libro anterior. Porque se «A saga das curandeiras» amosaba a evolución do rural galego entre comezos do século XX e 1964, neste segundo título, a autora luguesa propón unha viaxe polas aldeas do país entre 1949, ano no que nace a súa protagonista, e a morte do dictador Francisco Franco, a mediados dos anos 70.

En «Soño de liberdade», Marisa Castro amosa un fresco do rural galego e de como era a vida das mulleres. Polas páxinas do libro desfilan os grandes temas que explicaron a meirande parte do século XX galego: o poder casi omnímodo da Igrexa; a castelanización do ensino; a opresiva sociedade franquista na que, afirma a autora, «era máis importante a honra que a felicidade»; o servicio social feminino, polo cal as mulleres se vían obrigadas a traballar uns meses en institucións como hospicios ou asilos.

E, sen embargo, aínda sendo difícil, era posible atopar un camiño propio gracias á educación. Ou, cando menos, así o logrou a autora, que remataría converténdose nunha das biólogas e botánicas máis relevantes de Galicia, e así o plasmou no papel coa bagaxe da súa imaxinaria Sabela Couto.

Agora, Marisa Castro terá a oportunidade de presentar «Soño de liberdade» en Vilagarcía, unha cidade que coñece ben e na que ten moitos amigos. Dende os anos 80 colaborou coa agrupación micolóxica A Cantarela, e estivo en numerosas ocasións na comarca. Serán, precisamente, dous profesores do instituto de Carril, tamén biólogos, Xela Cid e Manuel Chouza, os que a acompañen na presentación, que será mañá xoves, no Faiado da Memoria (praza de Ravella, número 27, primeiro andar), ás oito da tarde.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents