Literatura
Dula Piñeiro, a poeta que agromou do mar e da dor
Dula Piñeiro Nogueira, mariscadora de Vilanova, atopou na poesía unha forma de transformar a dor, a memoria e a experiencia do mar en palabra. Agora presenta «Verbas engaioladas», o seu segundo libro, co que afianza unha voz literaria propia, íntima e reivindicativa

No mar de Vilanova, que tan ben coñece, e cos seus dous libros nunha man. / Iñaki Abella
Hai historias que non comezan nos libros, senón na vida. No traballo diario, na dor acumulada e nas palabras que un día atopan saída. A de Dula Piñeiro Nogueira, mariscadora de Vilanova e poeta por descuberta tardía, é unha desas traxectorias que se explican mellor desde a verdade ca desde o artificio. O pasado venres 27 de marzo presentou no Centro Comercial Arousa o seu segundo poemario, «Verbas engaioladas», arroupada por moitas persoas que quixeron acompañala nun paso que confirma o que xa se intuía tras o seu debut editorial: detrás da muller do mar había tamén unha autora cunha voz propia e unha mirada moi persoal.
Xa en 2023 publicara «Mareas de vida», a súa primeira obra. Mais o encontro coa escrita non xurdiu dunha aspiración literaria nin dunha formación académica especializada. Chegou, máis ben, como resposta a unha etapa persoal devastadora. Dula explica que durante anos foi coidadora de persoas maiores e que a súa rutina estaba vencellada ao coidado dos seus. «Era coidadora de persoas maiores. Coidaba dos meus pais e dun tío minusválido, José Piñeiro, un mestre moi querido en San Miguel de Deiro», lembra. Entre 2016 e 2021 morreron esas tres persoas fundamentais da súa vida. A perda alterou o seu rumbo e abriu unha fenda pola que comezou a entrar a poesía.
A escrita converteuse entón nunha vía de escape, nun espazo onde canalizar a morriña, os anceios e tamén a necesidade de poñer nome a moitas inxustizas. Nos seus versos hai emoción, pero tamén defensa do emprendemento feminino, ollada crítica sobre o marisqueo e eco de realidades amargas que ela coñece de preto. Nese tempo participou ademais nun curso en Cambados sobre relevo xeracional das mariscadoras. Alí pedíaselles ás asistentes que presentasen un proxecto, e o de Dula xa apuntaba ao territorio da memoria: escribir un libro sobre a vida da súa avoa Encarnación González, «A Codesa», de San Miguel de Deiro.
«Estudei ata oitavo de EXB. Presentei o proxecto», resume con sinxeleza. Por aquel tempo, ademais, a súa nai reveloulle no leito de morte unha historia familiar especialmente dura, gardada durante anos no máis fondo. Dula preferiu transformar aquela confesión en materia poética antes ca en biografía. «Contoumo no leito de morte. Alí estabamos agarradas, pensando e chorando. Escondeuno na alma, dentro do seu peito. Gústame máis contar ese sentimento en poesía ca unha biografía», explica. Nesa elección está tamén unha das chaves da súa obra: contar desde a emoción, suxerir máis ca expoñer, deixar que a ferida fale sen perder dignidade.

A poetisa firmando exemplares do seu segundo libro. / FdV
O paso decisivo chegou a través doutro encontro. Nunha andaina organizada por Féminas en Acción, a presidenta da entidade chamouna para recitar. Era un 18 de xuño, aniversario do seu tío, e Dula dedicoulle un poema. Entre o público atopábase Teresa Pérez Tilve, directora dun instituto da Estrada e estudosa da poesía feminina galega, irlandesa e inglesa. Aquel recital abriu unha porta. Pérez Tilve animouna a crer nas súas posibilidades expresivas e acabou convencéndoa de que tiña capacidade para «contar bonito».
A opción de publicar chegou pouco despois. Desde Fervenza animárona a reunir os versos que xa tiña escritos, pero a idea quedou aparcada en 2021 por circunstancias familiares e persoais. A enfermidade do seu irmán e a súa presentación ás eleccións á patronía maior da confraría de Vilanova fixeron que o proxecto quedase nun caixón. Sería despois o farmacéutico de San Miguel quen, tras ler os seus textos, lle deu o impulso definitivo. A través da editorial Agrasar viu a luz «Mareas de vida», un primeiro libro do que vendeu 400 exemplares.
Mais se algo define a voz de Dula Piñeiro é a súa raíz reivindicativa. Leva 30 anos como mariscadora e a súa poesía está atravesada polo mar non só como paisaxe, senón como espazo laboral, identitario e tamén político. «É un sector moi masculinizado», denuncia. A súa crítica alcanza mesmo o funcionamento interno dun oficio no que, segundo explica, os rañeiros seguen a ter máis peso ca as mulleres nos procesos electorais. Cando ela comezou eran arredor de 350 profesionais no marisqueo de Vilanova; hoxe son uns 190.

A relación da vilanovesa co mar e a palabra é moi especial. / Iñaki Abella
Ese compromiso coa palabra tamén a levou a seguir medrando no plano oral. No 2022 empezou clases con Fátima Rey para aprender a recitar e uniuse ao colectivo Mesa das Verbas. A súa relación coa expresión deu ademais o salto ao audiovisual. Colaborou en «Matria» tras chamar a atención de Álvaro Gago durante unhas entrevistas en Vilanova. A súa voz gustoulle tanto ao director que acabou creando unha escena específica para ela, na que se a escoita a través dun interfono coa protagonista. A experiencia tivo continuidade arredor de «O Corno», cando colaborou axudando co geada e o seseo a Janet Novás e María Lado durante a súa estancia previa á rodaxe en Vilanova.
Agora, con «Verbas engaioladas», Dula Piñeiro reafirma unha identidade creativa nacida fóra dos camiños habituais, pero profundamente enraizada na vida real. A portada do libro leva a sinatura de Xavier Magalhaes, mais o que sostén a obra é a experiencia dunha muller que soubo converter o loito en impulso, a memoria en verso e o mar nun lugar desde o que falar con voz firme. A súa historia lembra que ás veces a literatura non se busca: aparece cando alguén atopa nas palabras unha maneira de resistir e de volver erguerse fronte ás perdas. E tamén de transformar a experiencia propia nunha voz compartida, recoñecible e fondamente humana. n
Suscríbete para seguir leyendo
- Un furancho de Redondela, multado con 45.000 euros por no dar de alta a sus trabajadores
- La historia de superación de Sandra y Antonio, de dormir en la calle a abrir un comercio de barrio en Ourense: «La primera noche dormimos en un parque»
- Vigo recibirá a los reyes Felipe y Letizia a finales de mayo por el Día de las Fuerzas Armadas, con seis jornadas de celebración
- Casi 20.000 hectáreas de Pontevedra y seis concellos más, declaradas para la caza libre
- El Paseo de Alfonso acoge el sábado la tercera edición de «A nosa memoria», un homenaje a Rubén Berto Covelo
- Condenan a una mujer por violencia doméstica contra su marido en Cangas
- Clases a funcionarios de la Xunta para gestionar el estrés y aprender a usar la IA
- Muere Carlos López, jefe de Ginecología del Chuvi y descendiente de Ramón y Cajal